A CIG de Verín-A Limia convoca unha protesta ante a vaga de lumes para esixir medidas de prevención e de ordenación territorial

A manifestación partirá este venres dende a Praza do Concello de Verín ás 20.30 horas
Vigo - 14 Set 2016
A Executiva da CIG de Verín e da Limia vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación este venres 16 dende a Praza do Concello de Verín ás 20.30 horas para reclamarlle á Xunta a implementación de políticas de prevención forestal e de ordenación territorial “ante a vaga de lumes que está a asolar a nosa comarca e, en xeral, as de todo o país”.

Dende a central nacionalista argumentan a decisión de convocar a marcha na necesidade de que o Goberno galego implemente políticas de prevención forestal e de ordenación territorial dirixidas a “tentar evitar o desastre ecolóxico, económico e social que padecen as nosas comarcas”.

Sosteñen que non pode ser que ano tras ano asistamos á incineración do medio natural mentres a Xunta “recunca en políticas forestais que non só constitúen un absoluto fracaso, senón que tamén sementan sospeitas relativas a intereses económicos creados arredor dunha materia tan sensíbel como a conservación do noso patrimonio natural”.

Neste senso condideran que a situación de “desastre e caos” na que se atopa o monte é resultado da privatización dos servizos de extinción e da precariedade na que teñen que traballar os operarios/as de empresas como Seaga e Tragsa e os do SPDCIF, “pero sobre todo da desidia da Xunta en materia de ordenación do monte e da ausencia dunha política de prevención durante o inverno”.

Diante disto, a CIG rexistrou un escrito nos Concellos de Verín, Monterrei, A Gudiña, A Mezquita, O Rios, Vilardevós, Castrelo do Val, Laza, Oímbra, Cualedro e nas Mancomunidades da Comarca de Monterrei e Conso Frieiras para reclamarlles que sumen á mobilización e que dispoñan medios de transporte para que os veciños/as que desexen participar na protesta poidan desprazarse até Verín.

Finalmente, no escrito tamén se lles solicita que aproben en pleno unha moción para requerirlle á Xunta de Galiza a implementación de políticas de prevención forestal e de ordenación territorial, “inexistentes na actualidade”.