A CIG de Vigo convoca o 30-N contra a precariedade e o desemprego

A manifestación, que partirá ás 20h desde a Doblada, forma parte da campaña iniciada o pasado setembro
Vigo - 16 Nov 2016

A CIG da comarca de Vigo chama a saír ás rúas da cidade o vindeiro 30 de novembro para dar resposta á crecente precariedade laboral, empobrecemento e desemprego que amezan o futuro da clase traballadora. A protesta forma parte da mesma campaña que deu lugar a unha multitudinaria manifestación o pasado 20 de setembro, e procura reactivar a loita nas rúas contra as políticas gubernamentais.

» Ligazón ao evento

Os datos aportados pola central dán boa idea da “situación límite” na que se atopa a comarca de Vigo, con 80.000 persoas sen emprego, destrución masiva de postos de traballo en sectores chave como industria e construción e recortes de servizos públicos esenciais. Ademais, e fronte a propaganda oficial, 9 de cada 10 contratos son eventuais e aumentan os empregos a tempo parcial, acentuando a situación de precariedade e desigualdade.

 Por se fora pouco, a redución salarial e o bloqueo á negociación colectiva por parte da patronal deseñan un panorama pouco alentador onde a mocidade se ve na obriga de emigrar e se poñen en perigo as pensións públicas. Unha realidade fronte á que é preciso loitar sen tregua, retornando ás rúas e exercendo unha oposición real e continua contra as políticas dos diferentes gobernos que atenazan a clase traballadora.

 

A continuación reproducimos o comunicado elaborado pola comarca de Vigo:

A situación da comarca de Vigo é límite. Padecemos unha verdadeira emerxencia social, laboral e produtiva. A crise ten servido de coartada para que o empresariado aumente o nivel de explotación laboral, endurecendo as condicións de traballo, precarizando até o máximo a contratación e abaratando os salarios. Un saqueo que é posíbel grazas ás reformas laborais e da negociación colectiva, aprobadas por PSOE e por PP, e mais tamén á complicidade dos gobernos do Partido Popular na Xunta e en Madrid, que actúan ao ditado da Unión Europea. Ao servizo do grande capital.

Para superarmos esta situación é indispensábel unha mudanza radical nas políticas. Un cambio de rumbo, que deixe de recortarnos dereitos á clase traballadora para seguir a cebar os lucros duns poucos. Mais esa mudanza non vai chegar por si soa, temos que empurrala nós, desde abaixo, a través da mobilización e do conflito. Coa nosa loita como clase traballadora galega, desde os centros de traballo até os sectores, actuando de maneira unificada e organizada a través do sindicato.

As nosas reivindicacións:

1) Posta en marcha dun Plano de desenvolvemento industrial para a bisbarra, con intervención pública directa, para reactivar a actividade produtiva e crear emprego estábel e de calidade.

2) Aplicar a Lei do sector naval e crear un Plano galego para a industria da automoción.

3) Plan integral de recuperación da Ría de Vigo, para desenvolver as súas potencialidades en pesca e marisqueo. Fin da exclusión da flota galega nos acordos pesqueiros da UE.

4) Derrogación das reformas laborais, de negociación colectiva e das pensións, e da lei mordaza.

5) Redución da xornada laboral cara ás 35h semanais e limitación das horas extraordinarias, para repartir o traballo.

6) Eliminación das ETTs, limitación da contratación temporal e a tempo parcial.

7) Aumento dos salario mínimo interprofesional e creación dun salario de inserción laboral e social para todas as persoas desempregadas que esgotaron as prestacións ou subsidios.

8) Reactivación da negociación colectiva e avantarmos cara a un Marco Galego de Relacións Laborais.

9) Fin dos recortes e reforzo dos servizos públicos, como o ensino e a sanidade.