Manifestación da CIG de Vigo en defensa do naval e contra o desmantelamento industrial da comarca

A marcha arrincará este xoves 26 de maio dende Vía Norte ás 19:00 horas e rematará diante da Xunta
Vigo - 23 Mai 2022

A Unión Comarcal da CIG de Vigo ten convocada unha manifestación para este xoves 26 de maio en defensa do sector naval e contra o desmantelamento industrial da bisbarra. A marcha arrincará dende Vía Norte ás 19:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta na cidade.

Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o secretario comarcal da central sindical, Alberto Gonçalves, e o responsábel da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, que lembraron que o naval vigués leva anos esmorecendo e camiñando cara a irrelevancia industrial, “cunhas condicións laborais cada vez de maior precariedade, sen que as administracións públicas acometan ningún plan de viabilidade para a súa modernización ou tan sequera para garantir a súa supervivencia”.

De feito, os tres principais estaleiros da Ría de Vigo e estaleiros privados máis grandes do Estado -Barreras, Metalships e Vulcano- atravesan unha situación dramática. Hai 10 anos asistimos á venda de Barreras ao grupo García Costas e á petroleira PEMEX, unha venda exemplo de “corrupción e mala xestión, o que en gran medida dá o nivel de empresariado que hai no noso país e o total desinterese por parte das diferentes administracións, tanto do Estado como da Xunta”. 

Temos que insistir na necesidade de defender o naval como un sector estratéxico

E nestes días temos diante unha nova venda da unidade produtiva do estaleiro que supón a perda de máis de 100 postos de traballo directos, empregos de calidade, a cambio de precarizar máis o sector con máis subcontratación. “Cando vemos que este modelo de estaleiros de síntese xa fracasou noutros países de Europa”. Por outra banda, Metalships está sen carga de traballo, unicamente na reparación, e cun futuro incerto, e o antigo Vulcano, agora Estaleiros San Enrique, nun escenario de “absoluta incerteza”.

Diante da continuada “inacción” da Xunta e do Goberno español “temos que insistir na necesidade de defender o naval como un sector estratéxico e imprescindíbel na nosa comarca e en Galiza, xa que historicamente foi motor industrial que daba traballo non hai moitos anos a 15.000 traballadores/as en Vigo e a súa bisbarra, que creou moita riqueza, e por iso que urxe adoptar as medidas necesarias para asegurar a súa continuidade e blindar o emprego”.

Finalmente, fan un chamamento ao conxunto da clase traballadora e da veciñanza da bisbarra a participar na mobilización coa que se quere lanzar un “SOS” polo naval, “porque é cuestión de todos/as loitar para garantir un futuro digno”.

Propostas da CIG-Vigo ante a grave crise do sector naval

-Posta en marcha dunha Mesa do Naval para a Ría de Vigo na que se aborden solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector.

-Despregar unha enérxica intervención pública que permita a creación dun holding entre os distintos estaleiros e empresas auxiliares.

-Manter empregos estables e de calidade no sector.

-Apostar decididamente pola formación con condicións laborais dignas para a volta das persoas traballadoras emigradas.

-Superar o nefasto modelo de “estaleiro de síntese”, eliminando a precariedade das empresas e a excesiva subcontratación, incrementando os cadros de persoal fixos e estables nos estaleiros.

-Contratación de empresas da contorna para xerar riqueza na comarca.

-Diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo.