A CIG de Vigo denuncia que o PP insiste na súa ofensiva contra o sector naval

Rexeita que a Autoridade Portuaria vaia votar unha proposta para retirarlle a concesión a Vulcano

Vigo -

A Unión Comarcal da CIG de Vigo denuncia que o PP sigue a insistir na súa ofensiva contra sector naval, “como demostra o feito de que na orde do día do consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) que se celebra este venres se inclúe a proposta de acordo para incoar un expediente de extinción da concesión administrativa do estaleiro Vulcano”.

Dende a central sindical opóñense frontalmente a esta decisión, xa que suporá impedir o desenvolvemento dun novo proxecto industrial impulsado pola empresa Marina Meridional e constitúe o primeiro paso para desmantelar o estaleiro e destinar a concesión a usos loxísticos. 

A central entende que esta decisión é o primeiro paso para desmantelar o estaleiro

“Na estratexia suicida que promove a política industrial do PP queren substituír un estaleiro centenario, que ten sido un dos principais puntais dun sector estratéxico para Vigo e para toda Galiza, como é a construción e reparación naval, para gañar uns poucos metros máis de superficie para contedores”, censura o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.

Por iso quere deixar moi claro que “a CIG non vai permitir que acaben afundindo o naval”, polo que anuncia que a central sindical vai reclamar a retirada deste punto da orde do día do consello de administración da APV, ao tempo que esixirá un compromiso “firme e inquebrantábel” coa continuidade do estaleiro.

A CIG-Vigo non está disposta a ficar impasíbel mentres o naval, a principal sector industrial da bisbarra, esmorece, até o punto de que corre grave perigo de desaparición. Por iso vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de información e de mobilización para que os traballadores/as coñezan a situación real na que se atopa o sector e para demandar políticas públicas que garantan a súa continuidade.

Volver