A CIG de Vigo recolle 200 sinaturas en dúas horas en apoio da ILP de aproveitamentos hidroeléctricos

O proceso de busca de firmas entra na fase final xa que prazo para presentala remata en xullo
Nacional - 05 Xun 2019

A recollida de sinaturas para levar ao Parlamento a ILP de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”, impulsada pola CIG, entra na fase final. A iniciativa está a ter moi boa acollida entre a cidadanía, e hoxe mesmo a CIG de Vigo recolleu máis de 200 apoios en dúas horas nunha mesa instalada diante do mercado do Calvario.

O prazo para a súa presentación remata no mes de xullo e a central sindical anima a asinala para reclamar que a Xunta de Galiza recupere as concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que ten competencias, para fins de utilidade pública e interese social e que pase a ser xestionado directamente, ou a través de empresas mixtas, o aproveitamento público destes recursos.

O sector enerxético é estratéxico para Galiza. Temos 166 centrais hidráulicas: 121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica, cunha produción, nun ano normal, de aproximadamente un 20% da total no conxunto do Estado e unha potencia instalada de 3.700 megavatios, que nos sitúa á cabeza.

Auténtico servizo público

Somos pois subministradores de enerxía eléctrica para o resto do Estado e malia os custos sociais e ambientais do seu espolio, os nosos recursos non están ao servizo nin do pobo galego, nin do desenvolvemento industrial. Por iso a CIG defende a necesidade de pór en marcha iniciativas reais para garantir que sexa un auténtico servizo público que reverta no desenvolvemento económico e industrial do noso país, permita a creación de postos de traballo e combata a pobreza enerxética.

A central sindical lembra que as concesións hidráulicas son públicas e teñen que ter un final no que, segundo di a Lei de Augas, “as instalacións teñen que estar en perfecto estado de uso para que as xestione a administración pública, ben directamente, a través dunha empresa pública galega de electricidade, que sería o noso obxectivo, ou a través da administración, con empresas mistas. Pero en calquera caso xestionadas pola Administración pública galega”.