A CIG defende a derrogación íntegra das reformas e a recuperación de dereitos nas xornadas da OIT

Celebráronse en Santiago baixo o título “O futuro do traballo que queremos en Galiza”
Nacional - 30 Nov 2018

A Organización Internacional do Traballo (OIT) celebrou este venres unha xornada de traballo, en Compostela, baixo o título “O Futuro do Traballo que queremos en Galiza”. No decurso da mesma o secretario xeral da CIG, a secretaria de Organización, Susana Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, denunciaron o desmantelamento dos dereitos da clase traballadora e coincidiron en considerar que o futuro do traballo que queremos en Galiza pasa pola recuperación deses dereitos e, xa que logo, pola derrogación de todas as reformas que facilitaron que foran “roubados”.

Nese sentido Paulo Carril denunciou o “retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora en materias como a contratación, o despedimento, a xornada, o salario ou mesmo o cumprimento ou negociación dos convenios colectivos” por mor das sucesivas “contrarreformas laborais” levadas adiante polos gobernos españois, con posterioridade á aprobación do Estatuto dos Traballadores de 1980. Un “calculado e continuo” proceso de “desmantelamento do dereito do traballo en favor da parte máis forte nas relacións laborais, en favor do capital”.

Para Carril as últimas reformas de PSOE e PP “afondaron nesa liña neoliberal de individualización e desregulación das relacións laborais”, facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual. “Xeneralizouse a precariedade,  foméntase a pobreza laboral e os baixos salarios, impóñense novas formas de contratación e de subcontratación” dixo. Así citou, entre outros, o contrato a tempo parcial, os falsos autónomos, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación.

Nesa liña denunciou tamén como se facilitou ás empresas o incumprimento e inaplicación dos convenios; como se debilitou a negociación colectiva, a través da súa atomización, estatalización e limitación da súa ultraactividade ou como se quebrou o principio de igualdade das partes ao deixar nas mans exclusivas da patronal, en caso de descordo, as decisións relativas aos procesos de despedimento colectivo, a modificación substancial das condicións de traballo e a distribución irregular da xornada.

Sistema de protección social

O secretario xeral da CIG manifestou ademais o seu rexeitamento ás medidas dirixidas a dificultar o acceso e reducir a contía das prestacións do sistema público de protección social, ao tempo que se fomentou a súa privatización.

Xunto a iso rexeitou as reformas do sistema público de pensións que atrasaron a idade de xubilación aos 67 anos; ampliaron a 25 o número de anos para calcular a base reguladora; instauraron a aplicación do factor de sostibilidade; atrasaron a idade de acceso á xubilación anticipada e eliminaron, na práctica, a xubilación a tempo parcial.

Carril non esqueceu denunciar tamén os recortes no sistema de protección por desemprego, tanto no referido ás contías das prestacións, como canto ás maiores dificultades que hai agora para acceder aos subsidios de desemprego, establecendo límites económicos que cualificou de “miseria” para ter dereito aos mesmos.

Loita de clases e diálogo social

Diante disto denunciou como o capital está a aproveitar “para arrincarnos todo un conxunto de dereitos e melloras nas nosas condicións laborais e sociais, incrementar os seus beneficios e o seu poder e debilitarnos como clase traballadora” e considerou que “esa e non outra é a verdadeira razón das sucesivas reformas laborais impostas da man da socialdemocracia liberal e da dereita, ben a golpe de decisións gobernativas unilaterais, ben a través da chamada concertación social e dos sucesivos Pactos Sociais, que transmiten unha mensaxe de que hai conciliación e intereses compartidos, de que non hai loita de clases, cando en realidade está intensamente viva”. 

Por iso asegurou que a estratexia do “diálogo social permanente” é a “expresión perversa e simplificada das mínimas e razoábeis relacións institucionais que deberan existir entre organizacións sindicais, patronais e gobernos que, por certo, en Galiza e tamén no Estado español, é dunha realidade sindical plural, imparábel e incontestábel”.

O Futuro do Traballo

Diante deste panorama, o secretario xeral da CIG asegurou que o futuro do traballo en Galiza pasa por o sindicalismo recuperar a “centralidade” do traballo na empresa e na sociedade. “De todos é sabido que de portas para dentro, nas empresas, o poder de mando empresarial é omnímodo, e de portas cara fóra, na sociedade e na mediática, o que ten valor é o económico e financeiro fronte ao traballo”, explicou e concluíu que “cómpre pois, fomentar, regular e normalizar a presenza sindical como contrapoder, equilibrio e equidade no ámbito da empresa e na sociedade”.

Sinalou que para a CIG é de vital importancia recuperar e mellorar en dereitos e condicións de vida; conseguir a inmediata derrogación das reformas laborais e elaborar unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e permita mellorar as condicións de vida e de traballo da clase traballadora galega.

Cambios que considerou necesarios para pór “freo e fin á dependencia das nosas condicións laborais e sociais de políticas económicas promovidas por institucións ao servizo do capital financeiro”, como FMI, BCE ou CE, “rachando así con esa estratexia que segue o capital de centralización e concentración do poder e de acumulación de riqueza en menos mans”.

Estratexia que se pon de manifesto, segundo explicou, nas políticas de desregulación e flexibilización das condicións de traballo; o desmantelamento da negociación colectiva e os intentos obsesivos de centralización, de estatalización das relacións laborais, xerándose  situacións de inxustiza e producíndose funcionamentos antidemocráticos, que afastan da clase traballadora e dos centros de traballo o poder de decisión e de control sobre as condicións de traballo.

Carril asegurou tamén que “o marco actual é alleo á nosa realidade sociolaboral e demóstrase  incapaz de dar solución positivas. Calquera referencia comparada a salarios, precariedade, pensións, sinistralidade, emprego e emigración, pon de manifesto a evidencia de factores estruturais que se obxectivan ao abeiro do marco actual, e que desvelan o inapropiado da lexislación e do ámbito de decisións políticas que comprometen os dereitos do traballo na Galiza”.

Adiantou que as propostas da central sindical para esta xornada están orientadas cara a conseguir  mudar a lexislación laboral e social; avanzar na construción  dun Marco Galego de Relacións Laborais,  Sociais e de  Negociación Colectiva, con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación sobre todos os direitos laborais e sociais e apostar pola consecución de  marcos normativos e de relacións laborais, nos que a clase traballadora galega teña participación, control e capacidade de incidir e decidir sobre as súas condicións laborais e sociais.

O secretario xeral da CIG concluíu afirmando que estes obxectivos son vitais porque “ademais de ser exercicio dun dereito democrático, é sobre todo, unha necesidade para ter un futuro do traballo en  Galiza, sen emigración, e que garanta o dereito a vivir e traballar no noso país  nunhas condicións laborais e salariais dignas”.

A secretaria de Organización, Susana Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío foron quen debullaron as propostas da central sindical nas mesas de debate.

Méndez, que participou na Mesa 1, na que se desenvolveu o debate baixo o epígrafe “Traballo e sociedade e traballo decente”, denunciou as “miserábeis” condicións laborais que provocan que “hoxe, ter un traballo remunerado” non sexa “garantía de subsistencia”. Unha situación que levou a miles de persoas na Galiza a recorrer á economía somerxida “para poder saír adiante e sobrevivir, que non vivir, nun mundo cada vez máis desigual” e pola que concluíu que “o do traballo decente parece estar máis lonxe ca nunca” e o que vivimos é, máis ben, “unha situación de precariedade indecente”.

A secretaria de Organización deu datos pormenorizados que avalan esa “enorme” precariedade da que responsabilizou ás reformas laborais cuxa derrogación exixiu, xunto coa derrogación da reforma da negociación colectiva e das pensións.

Méndez reclamou ademais un cambio de normativa para recuperar os dereitos roubados, emprego estábel, salarios dignos e un sistema público de pensións forte e unha outra que, para a CIG, debe conter medidas para a “eliminación das cadeas de subcontratas, a reversión dos servizos privatizados ao público, a eliminación da figura do falso autónomo, así como das ETT e das axencias privadas de colocación ou a xornada laboral de 35 horas”, entre outras.

Discriminación salarial das mulleres

Chamou, xunto a isto, a combater as discriminacións salariais das mulleres que teñen que ver coa clasificación profesional, cos sistemas de valoración dos postos de traballo, coa distribución das actividades dentro da empresa e coas regras de promoción profesional, ao primar valores esencialmente masculinos ou asociados á distribución de roles sociais.

Reclamou unha escala salarial única e transparente, obrigando a publicar os salarios de todo o persoal das empresas; a revisión da valoración das categorías laborais equiparando salarios a postos que acheguen igual valor; a revisión dos complementos salariais, que tamén teñen incidencia na desigualdade de xénero en canto ás retribucións; o establecemento de mecanismos de control para eliminar as discriminacións directas e indirectas nos convenios colectivos e o establecemento de preferencia para ocupar un posto a xornada completa para as traballadoras e traballadores a tempo parcial, porque son, na súa inmensa maioría, mulleres as que están ocupando eses postos.

Isto xunto co establecemento de accións positivas no proceso de selección para o acceso de mulleres a postos masculinizados; plans de formación para a promoción de mulleres a postos directivos ou postos de maior categoría profesional; políticas de conciliación que non sitúen á muller nunha situación de desvantaxe no mercado laboral; servizos públicos axeitados; racionalización horaria pasando a xornada a 35 horas e revisión da regulación existente en materia de igualdade para “garantir a súa transversalidade en todos aqueles aspectos que garden relación coa discriminación por motivos de sexo, identidade e orientación sexual, lingua, idade, discapacidade, raza e etnia, relixión, clase social ou condición de inmigrante”.

A organización do traballo

O debate da mesa 2 desenvolveuse baixo o título “A organización do traballo, a produción e a gobernanza do traballo”. O secretario confederal de Negociación Colectiva foi o encargado de defender a posición da central sindical a respecto desta cuestión e comezou chamando a “parar o empobrecemento xeneralizado e a perda de dereitos da clase traballadora”, a comezar por recuperar os salarios.

Loita contra a pobreza

A este respecto subliñou a necesidade de incrementar o SMI até o 60% do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea, e que esta sexa “a única referencia como indicador público a efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social”. Considerou ademais unha “falacia” que isto afecte á produtividade das empresas, tal e como di o FMI, porque “a maioría das empresas e sectores exportadores aplican salarios mensuais maiores a esa cantidade”. De feito asegurou que ao que si afectaría esta suba salarial sería “ás novas formas de precarización laboral e á economía interna do país”, reactivando ademais o consumo interno.

O secretario de Negociación Colectiva chamou a atención sobre o feito de que os beneficios empresariais recuperaran os niveis precrise, pesando máis no PIB galego que as rendas do traballo, o que é indicativo “do saqueo ás clases populares e do antidemocrático de todas as reformas levadas a cabo até o de agora”.

Engadiu a isto a necesidade de recuperar o IPC como índice de referencia para incrementar os salarios; o recoñecemento dos marcos autonómicos de relaciones laborais coa exixencia de que os convenios sectoriais provinciais, autonómicos ou de outro nivel superior ao de empresa, teñan prevalencia non só sobre o convenio de empresa, senón tamén sobre os estatais e que os convenios sectoriais teñan a consideración de dereitos básicos polo cal ningún convenio de empresa poida establecer condicións inferiores ás determinadas polos convenios sectoriais de referencia.

Negociación colectiva

González Sío apostou ademais por conferir á negociación colectiva un “carácter causal, só modificable por acordo entre ambas partes”, reforzando a garantía da ultraactividade ilimitada e eliminando as modificacións substanciais en materia de remuneración e contía salarial e xornada. Demandou a derrogación das posibilidades de descolgue dos convenios de empresa, para que só se poidan producir por acordo entre a empresa e os representantes legais dos traballadores e traballadoras e defendeu a racionalización da xornada laboral a 35 horas, entre outras cuestións.

Loita contra a explotación laboral e a precariedade

Como medidas para loitar contra a explotación laboral e a precariedade defendeu a prohibición das cadeas de subcontratas, de maneira que só se permita a contratación de primeiro nivel, con carácter causal e temporal e sempre garantindo as mesmas condicións da empresa principal; a prohibición das empresas multiservizos; garantía de subrogación; eliminación da figura do traballador/a autónomo/a; eliminación das ETTS; supresión das subvencións xenéricas á contratación –agás para colectivos de difícil inserción-; o establecemento dunha porcentaxe máxima de contratos temporais nas empresas para que nunca exceda do 25%; eliminación do contrato de apoio a emprendedoras/es; establecemento dun máximo de 18 meses de duración para os contratos por obra e garantías legais para que as/os sociais/os das cooperativas non teñan condicións de traballo inferiores ás do seu sector de actividade. 

No relativo aos contratos a tempo parcial propuxo afondar no principio de voluntariedade; que as horas complementarias nunca sexan de realización obrigatoria; que conste con exactitude a distribución da xornada; que se considere modificación substancial das condicións de traballo calquera modificación do tempo pactado o da súa distribución e que as modificacións substanciais das condicións de traballo nunca poidan implicar reducións ou ampliacións da xornada.

A isto engadiu que as traballadoras/es a tempo parcial teñan preferencia para ocupar un posto a xornada completa vacante na empresa e a prohibición de acordos, medidas ou axudas que fomenten, promovan ou axuden a contratación a tempo parcial por parte do Estado.

Fernández Sío rematou a súa intervención rexeitando que se utilice o despedimento “como un instrumento máis de axuste empresarial” e demandando que para o despedimento colectivo se redefinan as causas que o xustifiquen; se reforce o papel dos e das representantes sindicais nas negociacións e se recupere a indemnización de 45 días e 42 mensualidades para os despedimentos improcedentes. “A opción pola readmisión ou a indemnización debe corresponder ao traballador ou traballadora”.