A CIG defende incremento salarial e prioridade para o persoal con redución de xornada ou parciais

Negociación do convenio de Limpeza da provincia da Coruña
A Coruña - 12 Nov 2020

A CIG-Servizos defende, na mesa de negociación do convenio de Limpeza da provincia da Coruña, que se discutan propostas de incremento salarial para o ano 2020 e a modificación do artigo 8, para que, á hora de cubrir novas prazas e vacantes, se teñan en conta ás traballadoras e traballadores que sofren reducións de xornada totais ou parciais. A central sindical denuncia o papel da UGT, que se desmarcou do acordo de actuar de forma unificada para mellorar as condicións laborais, salariais e sociais e renuncia a negociar o convenio.

A parte social  propuxo, nas primeiras xuntanzas, priorizar a negociación dos salarios de 2020 para publicalos no Boletín Oficial como un acordo da Mesa de Negociación para seguir, a partir de aí, negociando o resto dos aspectos do convenio. Unha proposta á que non se sumou inicialmente a patronal mais que si aceptou valorar, tras dun receso,na segunda xuntanza da mesa de negociación.

Así pois as propostas económicas e que se teña en conta ao persoal con redución de xornada ou con xornada parcial para a cobertura de vacantes ou de novas prazas serán os aspectos prioritarios nesta negociación.

UGT, “nin está, nin se lle espera”

Para a CIG resulta “inconcibible” que a UGT -que acordara negociar o convenio de forma conxunta coas outras organizacións sindicais fronte á patronal para recuperar dereitos e conseguir un incremento salarial de certa importancia- renuncie a negociar un convenio.

A CIG-Servizos afirma que non queren participar na elaboración dunha plataforma conxunta; non queren denunciar o convenio para negocialo e non presentaron tampouco ningunha proposta.

Acusa ademais á representación deste sindicato de pretender rebentar a negociación, obstaculizar e torpedear o traballo dos que si están negociando para finalmente simplemente comunicar que nin sequera van asistir á mesa.

Por iso denuncia o papel que está xogando, ocupando unha representación que non emprega para nada “debilitando á clase traballadora e ao sector da limpeza” e asegura que, malia isto, hai maioría sindical na mesa para negociar un convenio que mellore as condicións laborais, salariais e sociais das traballadoras e traballadores do sector na provincia da Coruña.