A CIG defende nos tribunais o dereito á negociación colectiva no acordo estatal de emprego público
Ante o comunicado difundido por CSIF no que se acusa a CIG e a ELA de “intentar frear” a suba salarial do persoal empregado público, a CIG quere trasladarlle á opinión pública e ao conxunto das empregadas e empregados públicos as seguintes consideracións:
A demanda presentada non pretende paralizar nin suprimir melloras salariais ou laborais
A acción xudicial anunciada da Área Pública da CIG, conxuntamente con ELA, ten como obxecto exclusivo denunciar a vulneración do dereito fundamental á negociación colectiva na Mesa Xeral prevista no artigo 36.1 do EBEP. Trátase dunha cuestión de garantías democráticas e de respecto ás regras da negociación, non dun ataque ás condicións laborais do persoal.
Defendemos o dereito á negociación real e efectiva
Estar presentes nunha mesa non significa que exista negociación efectiva. A imposición de contidos pechados e a ausencia de marxe real para introducir modificacións substanciais constitúen, ao noso entender, unha vulneración do dereito de negociación colectiva. Defender este dereito é defender o conxunto do persoal empregado público, non prexudicalo.
Incluímos expresamente unha salvagarda para evitar prexuízos a terceiros
A demanda incorpora unha cláusula de salvagarda clara: no caso de que o órgano xudicial considere que existiu vulneración do dereito de negociación, solicitamos que esa declaración non implique a invalidación do contido material do acordo, precisamente para evitar calquera afectación negativa ao persoal.
Resulta, polo tanto, falso e irresponsábel afirmar que pretendemos “frear” a suba salarial ou outras melloras.
Non é unha cuestión de competencia sindical, senón da legalidade e do respecto institucional
A defensa da legalidade, do marco competencial e do dereito á negociación colectiva non pode cualificarse como unha actuación “irresponsábel”. Ao contrario, é unha obriga sindical. O que debilita as institucións é normalizar acordos adoptados sen garantías plenas de negociación.
A mellora das condicións laborais non pode xustificar vulneracións de dereitos
A suba salarial anunciada ou outras medidas recollidas no acordo non poden empregarse como escudo para evitar o debate xurídico sobre como se adoptaron. Os dereitos fundamentais non son negociables nin subordinábeis a cálculos de oportunidade.
A CIG reitera o seu compromiso coa defensa das condicións laborais, salariais e profesionais do persoal empregado público, pero tamén coa defensa dunha negociación colectiva real, transparente e respectuosa co marco legal.
Non aceptamos que se manipule a nosa posición nin que se traslade ao persoal unha mensaxe alarmista que non se corresponde coa realidade do recurso presentado.
Seguiremos actuando con responsabilidade, rigor xurídico e lealdade ao conxunto das traballadoras e traballadores públicos.