CIG-Industria: a adquisición de Vulcano ten que ir acompañada dun proxecto industrial estábel para recuperar a actividade naval

Posicionamento da central ante as noticias sobre a adxudicación do estaleiro vigués

Vigo -

A CIG-Industria de Vigo que manifestar publicamente o seu posicionamento sobre a posíbel adquisición do estaleiro Factorías Vulcano por Alberto Barreras. Ante as informacións aparecidas nos medios de comunicación, a CIG-Industria reitera que considera o estaleiro F. Vulcano, xunto con Barreras, parte dun sector estratéxico como é o sector naval para a comarca de Vigo.

A central sindical leva anos defendendo que a actividade naval é un dos piares económicos da comarca e por iso reivindica que  debeu ser  apoiado e fomentado  pola Administración pública do noso país, como parte do tecido industrial da bisbarra. Neste senso, Xulio Fernández, secretario da CIG-Industria de Vigo, critica "o deixamento da Xunta non apoiando este proxecto industrial e deixándoo morrer".

Así as cousas, a CIG considera que a compra do estaleiro por un inversor privado ten que pasar incuestionabelmente por unha solución estábel e duradeira para recuperar a actividade naval, seguindo dúas vías de actuación:

  1. O plan de negocio ten que facerse público para coñecer os motivos polos que se adxudica Factorías Vulcano a este inversor e cal é seu proxecto industrial.
  2. Demandar que a Autoridade Portuaria desista de modificar a concesión de dominio público, que é imprescindíbel para manter a actividade do estaleiro.

Atendendo a estas dúas cuestións, Fernández matiza "que a central sindical apoiará calquera actividade que desenvolva un proxecto industrial para a comarca e que garanta os postos de traballo". A este respecto, critica o proceder de López Veiga "boicoteando proxectos que si poderían manter a actividade industrial. Agardemos que agora cambie de actitude".

Volver