A CIG defende que a venda do complexo de San Cibrao tense que facer á SEPI como única garantía de continuidade
Tras a reunión da mesa de seguimento que tivo lugar este xoves, na que Alcoa anunciou a súa pretensión de vender o complexo de San Cibrao, a sección sindical da CIG considera que esta operación debe facerse, en calquera circunstancia, á SEPI e despois, de ser preciso, que a sociedade pública busque un socio comercial.
Ante esta nova ameaza ao futuro industrial e á continuidade dos empregos, a CIG ten convocada unha asemblea o vindeiro luns 8 de abril, ás 15:15h, na explanada da portería, para abordar a situación de Alcoa e das auxiliares e as propostas de mobilizacións, porque, como xa se evidenciou hai tres anos, só coa mobilización de todo o persoal unido se poderá acadar unha solución. Na asemblea tamén participarán o secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi.
"A SEPI debe ter un papel protagonista"
Os delegados e as delegadas da CIG denuncian que na reunión de onte veuse a confirmar que Alcoa, "dende o inicio deste proceso, nunca quixo futuro para esta fábrica" e por iso advirten que unha venda na que a SEPI non teña un papel protagonista como compradora "é un suicidio". "Esta é a única garantía de solución segura para a continuidade industrial e de todos os postos de traballo, principal e auxiliares".
Máis aínda cando a propia Alcoa recoñece que "o éxito do proceso de venta é incerto" e tendo en conta o acontecido coas fábricas de aluminio da Coruña e Avilés.
Xunto a isto, denuncian que a proposta de baixas incentivadas formulada pola empresa constitúe "unha fraude" xa que se trataría dun ERE encuberto, "o caramelo que ofrece desta volta". Sobre a intención de Alcoa de utilizar os fondos de investimentos acordados para compensar as perdas, a sección sindical da CIG cualifica a proposta de "estafa". Pero a maiores, a multinacional pediu flexibilidade para incumprir os prazos e condicións de rearranque e flexibilidade para incumprir os prazos de construción do forno de ánodos.
Son moi críticos tamén coa actuación das administracións públicas "que semella que só se preocupan de escapar de posíbeis responsabilidades". De feito, tras a reunión en privado coa empresa, as representantes políticas manifestaron que non poden conceder axuda de ningún tipo, mais tamén afirmaron que non poden facer nada se Alcoa quere vender, "poñendo os traballadores e as traballadoras contra a espada e a parede".
Neste escenario, o persoal das auxiliares "quedan por completo fóra da foto".
A CIG segue defendendo a necesidade de pór en marcha as medidas e actuacións xa propostas hai meses, ás que, nas actuais circunstancias, hai que sumar outra imprescindíbel: a venta de San Cibrao debe de facerse á SEPI.