A CIG defende que o SMI chegue en 2019 cando menos ao 60% do salario medio

A central demanda ademais a derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM)
Nacional - 20 Dec 2018

A CIG vén de responder por escrito ao Director Xeral de Traballo, Angel Allué, en relación co Borrador do Real Decreto polo que se fixa o salario mínimo interprofesional, que manterá a súa posición en defensa de que para 2019 este se sitúe, tal e  como recomenda a Carta Social Europea, en cando menos o 60% do salario medio.

Tal e como explica o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, na misiva a demanda da CIG respecto do incremento do SMI fundaméntase “na necesidade urxente de acabar co empobrecemento xeneralizado dos salarios e das rendas de traballo, como se constata no Informe sobre Ingresos Salariais 2017, realizado polo Gabinete Técnico Confederal da central sindical.

Ao tempo a CIG demanda a derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo interprofesional “como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública”. Para Sío, de feito, “é un contrasentido ir incrementando o SMI sen eliminar o IPREM”.