A CIG demanda a creación dunha Mesa de Negociación do sector de Telecomunicacións

Lanza unha campaña pola precarización, perda de emprego, deslocalizacións e externalización de servizos

Nacional -

As federacións de Industria, Banca e FGAMT presentaron esta mañá unha campaña, que iniciaron hai un ano e que tivo que ser aprazada pola pandemia, pola situación na que se atopa do sector das telecomunicacións. Un sector en transformación no que se vén perdendo emprego por mor das deslocalizacións, da externalización dos servizos e cunha crecente precarización das condicións laborais. Con este motivo representantes das federacións presentaron ademais un escrito no rexistro solicitando entrevistas co conselleiro de Industria e a conselleira de Emprego para abordar esta cuestión.

Segundo explicou o secretario nacional da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas, as empresas principais, Telefónica, Vodafone, R –mercada por Euskaltel primeiro e agora por Más Móvil- “están utilizando Galiza unicamente como un reclamo para ter clientela, mais teñen os seus cadros de persoal principais fóra do noso territorio”.

Nese sentido denunciou que son continuos os procesos de traslado de servizos das compañías que realizan funcións de operacións de instalación e mantemento, de enxeñaría ou de atención telefónica fóra de Galiza, o que está a provocar unha importante perda de emprego.

Así salientou que Telefónica pasou de ter en 2014 un cadro de persoal de 1.142 persoas en Galiza a quedarse hoxe cun cadro de persoal de apenas 500. Unha situación que tamén se deu en Vodafone, onde se reduciu o persoal desde 2014 nun 60%, ou en R.

A respecto desta última sinalou que desde a compra de R por Euskaltel en 2015 e a posterior compra desta polo grupo MasMóvil, o emprego correu a mesma sorte. “Mentres que o grupo vasco tiña e conserva un compromiso de mantemento dos postos d etraballo e da súa sede fiscal en Euskadi por 5 anos, a empresa galega R nunca tivo tal orbiga asinada nestes procesos de venda, nin en Euskaltel nin moito menos nesta segunda, na que é un simple activo de mercado dentro da compañía vasca”.

Ademais considerou cada vez máis alarmante a desregulación do traballo no sector co “incumprimento das condicións laborais básicas en materias como salario, xornada, horario ou mesmo riscos para a saúde, entre outros”.

O sector TIC coa COVID-19 e o teletraballo

Para a CIG, a crise sanitaria mundial por mor da COVID-19 puxo máis no foco as telecomunicacións e as TIC, co teletraballo, a educación a distancia e demais actividades telemáticas instauradas de xeito global na sociedade. Porén, isto deu nun agravamento, segundo Bouzas, da situación do sector que xa viña padecendo o traslado de servizos fóra da Galiza, despedimentos colectivos e plans de suspensións de contratos aos que agora se suman os ERTE provocados pola pandemia que están xa a desembocar en ERE.

Na mesma liña evolucionan todas as empresas do sector dos Centros de Chamadas, coa automatización dos servizos, que provoca perda de postos de  traballo, buscando incrementar beneficios empresariais a base de explotación laboral e en detrimento da calidade do servizo, á vez que se produce unha centralización das relacións laborais fóra da Galiza, afastando dos centros de traballo a capacidade da toma de decisións.

Unha situación agora agravada porque ao persoal “agora se lle ofrece o teletraballo, cando antes estaban en instalacións das propias empresas, polo tanto estaba todo o persoal nun mesmo centro de traballo e o hoxe non ten contacto algún cos compañeiros e compañeiras”.

Noutro chanzo situou ás subcontratas que son as que realizan o traballo de instalación de liñas, en edificios, comunidades e á cidadanía que “están facendo unha externalización e unha subcontratación deses servizos que despois tampouco se traduce en estabilidade no emprego, xa que a maioría do persoal nos seus convenios non teñen contemplado o dereito á subrogación”.

Mesa de contratación

Por iso o secretario nacional de CIG-Industria explicou que se demanda a posta en marcha dunha mesa de negociación sectorial formada por organizacións sindicais, patronal e a Xunta de Galiza a través da que executar “medidas concretas para evitar a perda de emprego e a desregulación das relacións laborais no sector”.

Isto xunto cun compromiso da administración para que “todas as actuacións que haxa tanto coas empresas contratistas como coas empresas principais se faga en galego e desde Galiza para garantir o nosos dereito a sermos atendidos e atendidas en galego”.

Nese sentido Bouzas propuxo que “nos contratos de servizos da administración pública figure a obriga de prestar eses servizos na lingua propia de Galiza”.

Ademais, a subcontratación encadeada de múltiples empresas que operan no sector, así como a aparición de persoal falso autónomo que, segundo explicou Bouzas, é a día de hoxe unha realidade “incide dun xeito tremendamente negativo nas condicións laborais”.

Por iso, para unha maior estabilidade do emprego e aproveitar a profesionalización do persoal as federacións consideran necesaria a subrogación obrigatoria en todos os casos do persoal das auxiliares no cambio de concesión na contratación de servizos e, sobre todo, “que as empresas subcontratistas realicen os traballos con persoal propio para frear a crecente contratación de persoas autónomas ao servizo exclusivo das empresas auxiliares, exixindo non pasar do primeiro nivel de subcontratación”.

Volver