A CIG demanda a derrogación da reforma das pensións para non perder o dereito á xubilación parcial aos 61 anos

A central trasladou a petición ao secretario de Estado da Seguridade Social
Madrid - 28 Set 2018

A CIG, a través do seu representante institucional no INSS, vén de demandarlle ao secretario de Estado da Seguridade Social, Octavio Granado, a derrogación da reforma das pensións para non perder definitivamente o dereito á xubilación parcial aos 61 anos; un dereito da clase traballadora que, de non pórlle solución, desaparecerá a finais deste ano. A central sindical trasladou esta reivindicación a Granado durante a constitución do Consello Xeral do INSS que tivo lugar onte xoves en Madrid e hoxe procedeu ao seu rexistro por escrito no Ministerio de Traballo.

Cómpre lembrar que a reforma do sistema público de pensións que aprobou en 2011 o Goberno de Rodríguez Zapatero -co apoio de UGT, CCOO e a patronal-, implicou, entre outros recortes, a eliminación do dereito á xubilación parcial aos 61 anos, fixando un período transitorio que remata o  próximo 31 de decembro.

A reforma de 2011 aprobada polo Goberno de Zapatero co apoio de UGT, CCOO e a patronal, supuxo a eliminación do dereito á xubilación parcial aos 61 anos, fixando un período transitorio que remata o próximo 31 de decembro

Afondar nos recortes de dereitos

Esta medida supón afondar na perda de dereitos que levamos anos padecendo e que se agudizou co pretexto da crise económica: atraso da xubilación aos 67 anos, introdución do factor de sustentabilidade, ampliación do tempo para o cómputo da base reguladora, incremento do número de anos para cobrar a pensión completa, etc.

Ao retroceso que supoñen as reformas de 2011 e 2013 haberá que engadir este novo recorte a partir de decembro, polo que a CIG esixe a derrogación inmediata de ambas reformas e o restablecemento da xubilación parcial aos 61 anos nas condicións que existían previamente. A urxencia  desta demanda vén pola necesidade de non prolongar inxustamente a vida laboral dos traballadores e traballadoras con carreiras laborais moi longas, que merecen unha xubilación digna e poder acceder a esta nunha idade máis que merecida, aos 61 anos, e non aos 67 como aceptaron CCOO, UGT e a patronal.

Rematar coa emigración

Pero ademais, Galiza precisa rexuvenecer os cadros de persoal, como medida real de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración. Pois a precariedade e a falta de emprego está a provocar que a xente máis nova e mellor preparada teña que emigrar, ofrecendo o seu esforzo e coñecemento noutros países que medran e se enriquecen grazas a el.

Tamén é preciso  aumentar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de pensións con máis cotizantes, e iso pasa por ofrecer traballo digno aos nosos mozos e mozas, que regrese toda a mocidade que emigrou por mor da crise, e por derrogar as reformas laborais para que favorecer unhas condicións e uns salarios xustos. A CIG defende que só así faremos máis forte o noso sistema público de pensións.