A CIG demanda a inclusión inmediata da zona Cerceda-Ordes na estratexia de transición xusta

Concentración en Meirama para esixir aos Gobernos e a Naturgy alternativas industriais e de emprego

Cerceda -

A CIG continuou este venres co calendario de mobilizacións diante da central de Meirama para demandar alternativas que permitan o mantemento dos empregos e da actividade produtiva e que se lle esixan compromisos reais a Naturgy para a reindustrialización dos concellos afectados polo cese da actividade da térmica. A CIG denuncia que transcorre o tempo sen que os Gobernos español e galego poñan en marcha os mecanismos para garantir unha transición xusta, que ten que pasar por propor proxectos de futuro que minimicen o impacto socio-laboral que o peche da central ten nesta comarca.

Por iso, a CIG segue reivindicando que Galiza sexa incluída de inmediato no Plan de Acción Urxente, que se asinen convenios similares aos pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León e que o noso país forme parte da denominada Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición, de xeito que tamén poida beneficiarse dos fondos que a nivel europeo se destinen aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.

"É fundamental que esta comarca estea incluída nestes plans, pero xa imos moi atrasados con respecto a outros territorios. Se o Goberno español e a Xunta non dan pasos a serio neste camiño, estaremos en seria desvantaxe para poder acceder ás axudas consignadas para a transición xusta e para desenvolver proxectos de futuro", alerta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Hai que ter en conta que a propia ministra Ribera informou esta semana na comisión sectorial que en dous meses estarán listos os mencionados convenios e baralla o prazo dun mes para asinar os plans de emprego entre Administración, sindicatos e empresas. "Plans que, de existir para Meirama, non coñecemos absolutamente nada".

Sen proxectos para xerar emprego e industria

De feito, Carril lembrou que a única alternativa formulada até agora por Naturgy (co parabén da Xunta) pasa por converter a superficie que agora ocupa a central nun gran parque eólico -do que seguir tirando substanciosos beneficios e manter a posición hexemónica no mercado eléctrico galego-, pero que non xerará emprego nin tecido industrial na comarca. Por iso, con estas mobilizacións a CIG reclama de Naturgy garantías de emprego, tanto para o persoal da principal como da industria auxiliar, e compromisos na procura de proxectos alternativos para a reindustrialización da comarca.

Neste senso, acusa ao Goberno de Feixoo de estar en permanente campaña, pero non ter unha preocupación real por esixir e achegar solucións á grave crise industrial que recorre Galiza de norte a sur, máis aló das declaracións incendiadas contra o Executivo español.

Reforzar a mobilización

"Está claro que só a través da mobilización conseguiremos unha transición ecolóxica xusta na que poidamos, dunha vez por todas, aproveitar a riqueza que xera a produción de enerxía para o desenvolvemento económico e social de Galiza, algo que pasa por termos tarifa eléctrica propia".

Nesta liña, Carril afirmou que a verdadeira transición ecolóxica "para que sexa tal e sexa xusta,  ten que ser galega, ten que pasar porque se nos recoñeza o dereito e a capacidade de decidir sobre os nosos recursos e sobre o noso desenvolvemento económico e social. Doutro xeito, será unha nova versión,  actualizada,  das reconversións brutais que vivimos co Mercado Común Europeo, hoxe UE, que foi unha ruína para o pobo gale

Volver