A CIG demanda a retirada inmediata do ERE de Einsa Print por fraudulento
Os traballadores e as traballadoras de Einsa Print vanse concentrar mañá, mércores 25 de xuño, ás 11:00horas, diante do edificio da Xunta de Galiza en Ferrol en rexeitamento ao ERE de extinción formulado pola empresa e para reclamarlle á administración galega que actúe na defensa dos empregos e da actividade produtiva.
Este martes tivo lugar reunión do período de consultas na que apenas se produciron novidades. A empresa teima en supostas causas sobrevidas para xustificar o expediente de regulación que suporá o despedimento de máis de 90 persoas na planta das Pontes e o peche da actividade de artes gráficas.
Dende a CIG-Industria de Ferrol reiteran que non hai causa obxectiva para esta nova regulación e demandan a retirada do ERE por constituír unha fraude. Cómpre lembrar que hai 15 meses Einsa Print xa aplicou outro despedimento colectivo adquirindo daquela un compromiso de garantía de emprego até finais de 2026, “que está incumprindo”.
“A empresa segue sen xustificar cales son as causas sobrevidas para un novo ERE”, denuncia a CIG-Industria, que entende que foi a propia Einsa a que provocou esta situación deixando caer a clientela de maneira intencionada e sen buscar solucións. “Non se pode comprender que haxa causas sobrevidas cando se lles foi carga de traballo para Alemaña ou Italia, a pesar de que os custes laborais neses países son moito máis elevados”.
A isto súmase que na reunión de hoxe a empresa manifestou que o persoal que quede despois do ERE se dedicará a labores de acondicionamento das naves para “novos proxectos que poidan instalarse nelas”. Co agravante de que pediu atrasar aínda máis o pago do segundo prazo das indemnizacións até a entrada deses proxectos. “É dicir, Einsa -que adquiriu terreos e naves a prezos moi vantaxosos e con substanciosas axudas públicas- quere dar un pelotazo e pretende que sexan os traballadores e traballadoras despedidas quen lle financien o cambio de actividade”, alerta a CIG-Industria.