A CIG demanda ao ISM que restableza o servizo médico do centro de sanidade marítima de Corcubión

Deste servizo dependen máis de 1400 mariñeiros/as da zona

Corcubión -

Ante a resposta dada polo Consello Xeral do ISM ás preguntas formuladas pola CIG ao respecto da cobertura da vacante do servizo médico no centro marítimo de Corcubión nas condicións que se viña mantendo até o de agora, a  FGAMT-CIG da Coruña lembra que dos recoñecementos médicos "dependen máis de 1400 mariñeiros da zona que ante a imposibilidade de que se preste servizo ou non se preste cando se pide, intentan conseguir os recoñecementos noutras zonas sanitarias". Este feito provoca un desprazamento forzoso e a distorsión interesada  das estatísticas que manexa o ISM.

A CIG denuncia que dende Madrid, "que non ten mar nin coñecemento da realidade marítima galega, estean a manexar datos deturpados para precarizar e intentar eliminar un servizo de proximidade que precisan os mariñeiros para realizar o seu traballo". A este respecto o secretario comarcal da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, sinala que "a constitución que manexan como xustificación para intentar precarizar e eliminar o servizo, cando falan de principios de economía, eficacia etc., tamén fala no artigo 103.1 da descentralización e desconcentración da administración".

Garantir os servizos públicos

A súa vez, o Real Decreto 1696/2007 e o Convenio Sobre o Traballo Marítimo de 2006  sobre os recoñecementos médicos sinala que o Instituto Social da Mariña debe de ter un número suficiente de centros  e de persoal e apunta que os recoñecementos médicos de embarque marítimo débense realizar coa maior axilidade, calidade e accesibilidade posíbeis.

"Seguindo o que di a lei, coa reestruturación do centro de sanidade marítima de Corcubión non se garantiría a maior axilidade nin accesibilidade, nin por suposto a calidade, ao carecer de medios necesarios e dun servizo que se preste todos os días da semana", asevera.  Unido a isto está o gasto que lle vai supor aos mariñeiros ter que desprazarse a outras localidades e a perda de días de mar.

Para Camiño tampouco se entende o recorte de servizos por parte do Goberno socialista "cando anuncia  por todo o alto que pretenden descentralizar servizos cara as zonas rurais para evitar o despoboamento, venden fume cando xa levan dende o ano 2009 pechando oficinas como a de Laxe e Muxía. Todo isto unido á crise que vive o sector debido as diversas políticas en materia de pesca levadas a cabo pola xunta de Galiza e os diferentes Gobernos do estado".

Dende a CIG seguirase reclamando unha descentralización real e efectiva co traspaso de competencias do ISM a Xunta de Galiza e que sexa este organismo, a través do Servizo Galego de Saúde, quen preste un servizo de calidade seguindo os principios de economía, eficacia  celeridade e proximidade.

Volver