A CIG demanda ao Ministerio de Traballo que outorgue a competencia de control de radon á Inspección

Preténdese outorgar ao departamento de minas, cando todo o territorio galego está afectado

Nacional -

A CIG vén de dirixirse por escrito á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para demandar que se outorgue a competencia en materia de prevención e saúde laboral por exposición ao radon á Inspección Laboral e non, como se contempla no borrador de Real Decreto polo que se transporía a Directiva 59/2013/EURATOM, ao departamento de Minas.

O secretario confederal de Emprego, Industria e Saúde Laboral, Fran Cartelle, lémbralle á ministra que na identificación de áreas con elevados niveis de radon do Consello de Seguridade Nuclear, 283 dos 313 concellos de Galiza están clasificados como Zona 2, a de máis alto risco, polo que “queda atinxido practicamente todo o territorio galego”; que o INSS declarou “accidente laboral” a incapacidade dun traballador ou traballadora pola exposición continuada a elevados niveis de radon no seu posto de traballo e que as empresas teñen a obriga de realizar medidas en todos os centros de traballo.

Obriga das empresas

A este respecto salienta que no Regulamento de protección sanitaria contra radiacións ionizantes (RD 78 3/2001) establécese que os titulares das actividades laborais nas que existan fontes naturais de radiación deberán declarar estas actividades ante os órganos competentes en materia de industria das comunidades e realizar os estudos necesarios a fin de determinar se existe un incremento significativo da exposición dos traballadores e traballadoras -ou dos membros do público- que non poida considerarse despreciable do punto de vista da protección radiolóxica.

Xunto a isto apunta que este Regulamento tamén contempla que “nas actividades laborais nas que as traballadoras e traballadores, e de ser o caso os membros do público, estean expostos a inhalación de descendentes de torón ou de radon ou a radiación gamma nos seus lugares de traballo, tales como centros de traballo situados en áreas identificadas polos seus elevados niveis de radon, os responsables empresariais terán a obriga de facer as medicións e tomar as accións preventivas ou correctoras” enunciadas neste regulamento.

Nese sentido lembra que o Consello de Seguridade Nuclear (na Instrucción IS-33, publicada no BOE nº 22, do 26 de xaneiro de 2012) establécese cales son as actividades cuxos titulares deberían facer os estudos requiridos determinando en que lugares de traballo é probable que os valores medios anuais da concentración de radon superen os niveis de referencia. Ademais relaciona un total de 14 situacións nas que é preceptivo o control.

Nesa mesma Instrución matízase que atinxe aos “lugares de traballo, subterráneos e non subterráneos”. Por iso Cartelle considera que “non hai dúbida de que todos os centros de traballo -sexan subterráneos ou non- situados nas áreas identificadas polos seus valores elevados de radon teñen a obriga para realizar medicións e comunicar a industria os resultados”.

Control, vixilancia e prevención

O Consello de Seguridade Nuclear tamén identificou aquelas actividades laborais que deben ser obxecto de especial atención e estar suxeitas a control e definiu as actividades que deben posuír dispositivos axeitados de vixilancia das exposición, ademais da necesidade de aplicar accións correctores destinadas a reducir as exposicións ou establecer medidas de protección radiolóxica.

Por todo isto Cartelle conclúe que “o lóxico, para a CIG, é que o control e prevención en materia de radon sexa competencia da Inspección Laboral e non de Minas, cando afecta a practicamente todo o noso territorio e, polo tanto, a calquera actividade laboral –non só as subterráneas- que se desenvolva nel”.

Volver