A CIG demanda autobuses exclusivos para escolares para evitar contaxios de covid-19

Rexeita que a única medida da Xunta sexa establecer espazos diferenciados nos vehículos
Nacional - 26 Ago 2020

O sector de Transporte da FGAMT-CIG demanda que os autobuses escolares sexan exclusivos para os nenos e nenas e non rutas de transporte integrado onde vai mesturado alumnado de Primaria e Secundaria con persoas adultas, moitas delas anciáns, que son as que teñen os maiores riscos caso de contaxiarse coa covid-19.

Así o explica Xesús María Pastoriza, responsable do sector, quen sinala que “nun momento no que se está falando das formas de transmisión, de como evitar contaxios, de como se teñen que desinfectar as zonas despois de cada uso, ou de como vai comezar o ensino, non se contemplan medidas efectivas para evitar que o transporte sexa outro posible foco de contaxio”.

Neste sentido cuestiona a proposta da Xunta, que mantén a súa aposta pola modalidade de transporte compartido e que prevé como única medida, establecer dentro do mesmo autobús espazos diferenciados, de forma que as e os escolares suban e baixen antes ao vehículo e vaian na parte de atrás, mentres que o resto de persoas viaxeiras irían na parte de diante.

Sobre isto Pastoriza pon como exemplo un autobús de transporte compartido no que estean 15 prazas reservadas para escolares de diversas idades. “Para os menores de 6 anos xa non é obrigatorio o uso da máscara, pero é que ademais, no caso do resto, non podes controlar se a quitan nalgún momento ou como a levan posta, nin podes impedir que se movan, porque son nenos e nenas, e moito menos controlar o que tocan, non só cando están ocupando os seus asentos senón mesmo cando acceden ao transporte”.

Tampouco non se prevé a desinfección despois de cada uso, nin se aclara se esas prazas quedarán desocupadas ao longo da xornada ou se van entrar e saír pasando polo medio do resto de usuarios e usuarias. Tampouco se propoñen distancias de seguridade dentro do transporte que, porén, si están prevista mentres se agarda nunha marquesiña, ao aire libre. “Cómpre non esquecer que estamos falando dun espazo pechado e sen ventilación, sobre todo en inverno, por máis que desde a consellaría se considere que a parte de diante está máis ventilada”.

O responsable do sector de Transporte da CIG incide, sobre todo, en que despois de deixar aos escolares nos centros de ensino, o autobús vai continuar coa súa ruta e seguir collendo xente, coa aire cargado e sen a necesaria desinfección, porque de facela, tería que parar un mínimo de media hora para que esta fora axeitada. “Isto só se pode garantir se os autobuses de transporte escolar son exclusivos para ese uso”.

Concurso

Para Pastoriza é claro que non houbo previsión algunha por parte da consellaría, nin se abordou a cuestión do ensino na súa integridade, atendendo a todo o que atinxe, desde os propios centros até como chegan as rapazas e rapaces a estes. Neste sentido lembra que a Xunta de Galiza puxo en marcha a segunda fase dos novos contratos de transporte de viaxeiras e viaxeiros.

“O ano pasado puxo en marcha 99 contratos e agora acaba de poñer 29. Deses 29, 10 xa están adxudicados e comezarán a traballar co curso escolar. Eses 10 son, precisamente, os que levan as 86 rutas de transporte escolar integrado que levan a un total de 10.600 nenos e nenas de Primaria e Secundaria de todo o país”.

A FGAMT-CIG xa solicitou á Xunta de Galiza, a través do Centro de Coordinación Operativa (CECOP), que eses contratos, no canto de comezar a operar agora, agarden até decembro, cando están previsto o resto, e que se garanta que o estudantado vaia nun transporte exclusivo e non compartido.

Lamenta ademais que a falta de previsión e a priorización do aforro fronte a saúde, levara ao goberno do PP non só a manter esta modalidade de transporte compartido, en lugar de aumentar a flota de autobuses -como xa anunciaron que farían outras comunidades-, senón mesmo a decretar a ocupación de todas as prazas, impedindo que se garde a distancia social que é preceptiva para calquera outra actividade.

Tamén lamenta que se anuncie agora que se van abordar estes protocolos con patronal e sindicatos nos próximas días, cando se tiña que ter debatido con moita anterioridade e non a escasas dúas semanas do inicio do comezo do curso.