A CIG demanda cambios na lei para equiparar os permisos de nacemento e coidado das familias monoparentais

Diversas sentenzas recoñécenlle o dereito a gozar das 16 semanas que tería a outra persoa proxenitora

Nacional -

Diversas sentenzas, dúas delas gañadas pola asesoría da CIG, están recoñecendo o dereito das familias monoparentais a gozar dun permiso adicional de 16 semanas por nacemento e coidado, equiparando deste xeito os dereitos das familias monoparentais cos das familias biparentais, xa que neste modelo familiar cada unha das persoas proxenitoras pode acceder a un permiso de 16 semanais a cargo da Seguridade Social.

Para a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, estamos ante un problema de obsolescencia da lexislación, en concreto da Lei Xeral da Seguridade Social. "A lexislación debe contemplar a igualdade de dereitos para calquera tipo de modelo familiar, pois cada día é máis habitual o modelo nucleado por unha única proxenitora", salienta.

Por esta razón, valora como inxusto que se someta a estas traballadoras a unha merma de dereitos que as obriga a obter por sentenza o que a propia administración da Seguridade Social tiña que garantir. "Exiximos por tanto que se acometan os cambios precisos na Lei Xeral de Seguridade Social e que as administracións non sexan rémora no cumprimento dos dereitos de igualdade para todas as traballadoras, contemplando a diversidade dos modelos de convivencia familiar a todos os efectos".

A norma española supón unha merma nos dereitos das crianzas

A posibilidade de acumular ambos permisos é denegada de xeito sistemático pola Seguridade Social ás familias monoparentais (maiormente mulleres) que o solicitan. Porén, fronte a este criterio restritivo da administración, os xulgados si que están comezando a recoñecer este dereito e sentando unha xurisprudencia á que o goberno español terá que dar cumprida atención modificando a lexislación actual.

Aínda que as sentenzas gañadas pola CIG nos xulgados do Social de Lugo e da Coruña non son firmes xa que poden ser recorridas no TSXG, as decisións adoptadas polo Tribunal Superior do País Vasco, pioneiras nesta cuestión, marcan o camiño a seguir.  

Hai que subliñar que, no caso de Lugo por exemplo, a Seguridade Social denegoulle a unha traballadora a posibilidade de gozar do permiso adicional de 16 semanas por nacemento e coidado alegando que "non pode tratarse igual a unha familia con circunstancias diferentes por vontade da proxenitora", ignorando que o obxecto destes permisos é garantir os dereitos das persoas proxenitoras, pero sobre todo, o coidado das crianzas.

De feito, na súa fundamentación, ambas sentenzas aluden ao ordenamento xurídico internacional, e nomeadamente á Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena que prohibe a discriminación da infancia por razón da condición da persoa proxenitora. E aínda que a normativa española non fixa a acumulación de ambos permisos por nacemento para as familias monoparentais, a xustiza entende que debe prevalecer a normativa internacional  en atención ao interese superior da crianza.

Fundaméntanse tamén  na sentenza do TSX do País Vasco de 6/10/2020 que considera que se incorrería nunha clara discriminación de xénero pois a inmensa maioría das familias monoparentais corresponden a proxenitoras mulleres.

Para a xustiza non ten xustificación que haxa unha merma no tempo de coidado das crianzas polo feito de non existir dúas persoas proxenitoras; e establécese unha analoxía co dereito que se recolle expresamente na lexislación na circunstancia de falecemento da nai, xa que nestes casos o permiso completo de 16 semanas si que pasa ao outro proxenitor.

Volver