A CIG demanda que se adopten de inmediato medidas preventivas nos servizos de Axuda no Fogar

Este persoal realiza tarefas de carácter doméstico e sanitario pero en moitos casos nin sequera se lle facilitan máscaras
Nacional - 17 Mar 2020

A CIG demanda que, de inmediato, se inste e obrigue a todos os concellos do país a regular e adoptar medidas preventivas para os Servizos de Axuda no Fogar (SAF) co obxecto de protexer e diminuír o perigo de contaxio tanto entre as persoas traballadoras como entre as persoas usuarias. A central sindical estase a dirixir por escrito ás distintas Administracións e empresas adxudicatarias e á autoridade laboral para que actúen de urxencia neste sentido.

A pesar da situación de emerxencia sanitaria, na maioría dos concellos aínda non se adoptou ningunha medida de carácter preventivo a respecto do SAF, nin por parte dos municipios que teñen a xestión directa, nin por parte das empresas privadas que teñen estes contratos, cando estamos a falar dun colectivo especialmente sensíbel.

Non cómpre esquecer que o persoal que traballa nestes servizos desenvolve tarefas de carácter doméstico mais tamén de carácter sanitario, e ademais traballan directamente en contacto con persoas de especial risco á enfermidade. Por iso, resulta alarmante e neglixente que a maioría dos concellos non teñan adoptado medidas de carácter preventivo para desenvolver no exercicio de prestación do servizo, dándose a circunstancia de que en moitos casos non se facilitan nin EPI´s tan básicos como unhas máscaras.

Ademais, a CIG entende que a distribución de recomendacións de carácter xenérico resulta absolutamente insuficiente como medida preventiva nun servizo das características da atención a domicilio, onde existe un contacto moi directo coas persoas usuarias e onde resulta imposíbel manter a distancia recomendada de dous metros cos/as usuarios/as.

Servizos mínimos, EPIs e identificación do persoal en risco

Entre outras cuestións, a CIG pide que se suspenda a prestación do servizo en todos os casos que non sexa imprescindíbel pola aplicación da Lei de Dependencia; que se establezan servizos mínimos para o caso dos domicilios nos que os usuarios e as usuarias convivan con familiares ou que dispoñan dunha capacidade de autonomía persoal mínima.

A posta a disposición do persoal para o seu traballo das mesmas medidas e EPIs que existen para o persoal sanitario: máscaras FFP2, luvas, batas impermeábeis desbotábeis, etc.; e que se dote do aprovisionamento constante, e en cantidade suficiente, de desinfectante, rolos de papel e toalliñas.

Así mesmo, demándase que se identifique a todo o persoal con alto risco de contaxio entre as traballadoras, e se adopten as medidas oportunas para garantir a súa seguridade no traballo, entendendo que a única medida eficaz para tal fin pasa por apartar a dito colectivo do servizo até que remita esta situación, mantendo as traballadoras o seu dereito á percepción íntegra do salario.

No caso das empresas adxudicatarias, que conten coa participación da representación legal do persoal para elaborar o protocolo e as medidas de actuación a tal fin,  e que este sexa exposto en todos os taboleiros de comunicacións da empresa e entregado as traballadoras.

Estas medidas xa foron postas en marcha en distintas comunidades autónomas e tamén por dalgún concello, mais dende a CIG entendemos que urxe que se adopten para o conxunto dos Servizos de Axuda no Fogar dos concellos de toda Galiza.