• Nova

A CIG demanda reforzar o persoal de enfermería da residencia de Caranza pola sobrecarga de traballo

Para poder cubrir baixas ou imprevistos, o persoal ten que mover as quendas e as libranzas
Ferrrol - 31 Mai 2022

A CIG Administración Pública na comarca de Ferrol reitera a denuncia a respecto da precaria situación do colectivo de enfermería na Residencia de Maiores de Caranza. Este colectivo de 11 persoas traballadoras DUE, arrastra dende fai tempo unha situación de excesiva carga de traballo por estar a mínimos, tanto en quenda como na organización do traballo, que fai que ante baixas ou imprevistos se teñan que cubrir un persoal a outro movendo as quendas e as libranzas.

Esta situación, explica Carmem Viso, secretaria comarcal da CIG-Administración, foi denunciada en numerosas ocasións tanto pola representación do persoal como pola CIG diante da Administración e no comité de prevención de riscos laborais.

A resposta da Xefatura Territorial e da propia Consellería diante da petición de reforzo de persoal a través da contratación por acumulación de tarefas é que están totalmente de acordo na necesidade de reforzo e que está en trámites.  Pero estes trámites burocráticos, critica Viso, "levan a que dous meses despois a situación segue pendente de máis informes e burocracia estéril".

Dende antes da pandemia este colectivo de enfermería arrastraba xa unha difícil problemática de sobrecarga de traballo que se agudizaba nos meses de verán pola dificultade de encontrar persoal para substituír os períodos vacacionais. Para Viso, a causa está na dificultade en encontrar substitutos/as que vaian a traballar aos centros de maiores da Xunta "pois as mellores condicións laborais que lles ofrece o Sergas fai que renuncien a estes contratos e son penalizadas nas listas de contratación".

Incorrecta valoración da depencia

Outra das causas que agrava a situación laboral e produce sobrecarga é a incorrecta valoración da dependencia dos e das usuarios/as. A responsábel da CIG-Administración en Ferrol sinala que esta Residencia é mixta e conta con 162 persoas residentes das que 45 están recoñecidas oficialmente como persoas dependentes."Pero a realidade é que máis de 100 persoas están a recibir, polo seu estado de saúde, coidados de enfermería diariamente".

Mentres, as rebaremacións do grao da dependencia están paralizadas ou pendentes de actualización. "Por exemplo as 2 plantas dedicadas a coidados de enfermería están saturadas, sen posibilidade de novos ingresos de persoas con patoloxías agudas; o que faría necesario unha nova planta dedicada a atención de dependentes e máis persoal para o seu coidado".

Todas estas carencias foron agravadas polos 2 anos de pandemia da Covid19: "o persoal de enfermería tivo que asumir a función de enfermería de atención primaria, os cribados de persoal e de residentes, os illamentos e controis de positivos e sospeitosos de infección, aparte das tarefas habituais. Este incremento físico e mental de tarefas segue a ser asumido polo persoal, porén a fin da emerxencia sanitaria".

Mais tampouco este persoal foi reforzado durante os surtos de covid, sendo habituais os cambios de quenda constantes e as denegacións de permisos e licencias e adebedándoselle días de compensación a todo o cadro de persoal. "O suposto cambio que a pandemia ía traer na atención a persoas dependentes en residencias quedou en nada, comezando polo persoal que estivo en situación de servizos esenciais á fronte dos coidados sociosanitarios", denuncia Viso.

Por todas estas razóns, a CIG denuncia a situación estresante que está a pasar o persoal de enfermería na residencia de maiores de Ferrol pola falta de solución a este problema de sobrecarga e pola non contratación dos reforzos necesarios por parte da Consellaría,  o que supón merma na calidade de atención, pondo en risco a saúde do persoal e dos/as usuarios/as.