A CIG demanda rigor e responsabilidade aos Gobernos español e galego para avanzar no traballo da mesa multilateral

A central pediu un calendario de reunións e intensificar as xestións para ter solucións concretas antes do 4 de agosto
A Mariña - 27 Xul 2020

A CIG demandou rigor e responsabilidade ao Goberno español e galego para que a mesa multilateral avance nos seus traballos e achegue solucións inmediatas a  nivel industrial e enerxético que eviten os despedimentos e a parada das cubas. Con esta finalidade, a central sindical reclamou que ambas administracións traballen de maneira intensa ao longo desta semana "en conxunto, por separado e con Alcoa para que o 4 de agosto teñamos solucións eficaces e non se consume o ERE".

Na reunión telemática desta tarde, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, acusou o Ministerio e a Xunta de "non facerse cargo do que din en diferentes foros, mentres que o que hai que tratar nesta mesa non se di ou non se avanza o suficiente". "O tempo acábase se Alcoa non paraliza o ERE e segue obsesionada cos despedimentos e entrar en hibernación", advertiu Carril, subliñando que a parada das cubas non pode ser condición para iniciar unha venda, tal e como a empresa pretende.

Por iso, o secretario xeral da CIG pediu concretar un calendario de reunións da mesa até o 4 de agosto e que neste período o Goberno español traballe coa Xunta a fin de desenvolver o plan industrial que hai enriba da mesa e que ambas Administracións aborden esta proposta coa empresa co obxectivo de concretala.

Neste senso, solicitou que se convoque novamente á mesa "a máis tardar o venres desta semana para coñecer as xestións realizadas". Por parte do Ministerio quedouse de fixar data da próxima reunión da mesa para trasladar as conclusións do traballo que o Goberno central e a Xunta se comprometeron a realizar nos vindeiros días.

En canto á postura da empresa, Carril valorou que "semella que hai unha disposición por parte de Alcoa a unha venda, pero só en aparencia porque as condicións que impón son imposíbeis. En calquera caso, rexeitamos que Alcoa poña como condición necesaria a hibernación para que haxa unha solución de continuidade na fábrica de San Cibrao sen a multinacional", aseverou.

 A este respecto, volveu defender a intervención pública da factoría, valorando que "non resulta críbel que o poder público non teña capacidade nin instrumentos para impedir que unha empresa execute despedimentos e recorte a capacidade produtiva".

Finalmente, a CIG demandou que se atenda a problemática das industrias auxiliares que malia estar afectadas pola decisión da multinacional e perigar centos de postos de traballo, "nin Alcoa nin as Administracións se queren facer cargo da súa situación".