A CIG demanda un Convenio Galego para as traballadoras do fogar e solicita a apertura da mesa negociadora

Ante a ratificación do Congreso de deputadas/os do Convenio 189 da OIT sobre traballo doméstico
Nacional - 09 Xun 2022

O pasado día 5 de abril o Goberno do estado español acordou en Consello de Ministros o envío ás Cortes Xerais, para a súa ratificación, do Convenio 189 da Organización Internacional de Traballo (OIT), que protexe aos empregados e empregadas do fogar.

A situación de abandono das persoas empregadas do fogar, mulleres na súa inmensa maioría, xa non se sostén, e mesmo desde as instancias xudiciasis estase suplindo a inxustiza provocada polas carencias dunha lexislación laboral que nega a condición de traballadoras con dereitos a un sector determinante nas sociedade actual para o desenvolvemento da economía, pois sen empregadas do fogar e dos coidados moitos traballadores e traballadoras terían serias dificultades para desenvolver un traballo remunerado en condicións de normalidade.

A sentenza do TXUE no pasado mes de febreiro, recoñecendo o dereito ao desemprego para unha traballadora galega deste sector,  abriu a porta a que moitas outras reclamacións no mesmo sentido prosperasen. Esta sentenza foi reveladora da tremenda inxustiza que se estaba cometendo cun colectivo moi representativo da desigualdade das condicións laborais das mulleres traballadoras, e poñía deberes a un goberno "progresista" que, por desidia ou por outros motivos, consentía unha flagrante discriminación de xénero no ámbito laboral.

O Ministerio de Traballo, forzado polos acontecementos e as obrigas da xurisprudencia europea, pretende facer un acto propagandístico sen dar solución a unha custión central. Esta non é outra que o cumprimentio do artigo 3 do convenio 189 da OIT, e que obriga a promover e facer realidade un dertetio fundamental como é o recoñecemetno efectivo a negociación colectiva.

Apertura da mesa de negociación

Por iso, a CIG puxo de relevo esta situación no Consello Galego de Relacións Laborais, de forma conxunta coa asociación galega de empregadas do fogar XIARA, o pasado 11 de abril e expresou a súa solicitude de apertura da mesa de negociación coas organizacións sindicais e empresariais mais representativa de Galiza para negociar un convenio colectivo galego para as empregadas de fogar, pois tal e como se recoñece no convenio 189 da OIT no seu artigo 3 punto 2:

Todo Membro deberá adoptar, no que respecta aos traballadores domésticos, as medidas previstas no presente Convenio para respectar, promover e facer realidade os principios e dereitos fundamentais no traballo, a saber:

(a) a liberdade de asociación e a liberdade sindical e o recoñecemento efectivo do dereito de negociación colectiva.”

As empregadas de fogar  son un colectivo necesario, polo déficit na infraestrutura pública de coidados que padece Galiza. As políticas da Xunta de Galiza e do goberno español de privatización dos coidados converteron ás traballadoras do fogar na principal fonte de cobertura para as necesidades de boa parte da sociedade galega.

Por iso a CIG considera necesario que se regulen no sector cuestións como a xornada, descansos, condicións de aloxamento e manutención, retribucións, altas e baixas na Seguridade Social, protección da saúde e riscos laborais, dereito á formación profesional, facilitar o acceso á regularización das traballadoras migrantes..., cuestións todas elas que só poden quedar reguladas no marco da negociación colectiva e baixo a protección dun convenio colectivo galego de traballadoras de fogar e coidados.

Ante a resposta dos outros sindicatos representados nesta institución, a central sindical retomará a petición da constitución urxente da mesa negociadora  para dar un paso efectivo na consecución dun convenio colectivo que regule as condicións de traballo do emprego do fogar.