A CIG demándalle a Repsol investimentos na refinería e á Xunta unha política industrial para abordar a transición das instalacións

Os traballadores/as saíron en manifestación para esixirlle a empresa que retire o ERTE

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras de Repsol continuaron este venres co calendario de mobilizacións en rexeitamento á intencións da empresa de aplicar un ERTE durante seis meses. O persoal reivindicou a retirada do expediente, que se respecten os seus dereitos laborais e que Repsol faga os investimentos necesarios no centro de traballo da Coruña para adaptar as instalacións ao proceso de transición enerxética, garantindo así a súa viabilidade.

Sobre esta cuestión, a sección sindical da CIG en Repsol denunciou o abandono das instalacións por parte da empresa, á que lle reclamaron que, ao igual que xa ten anunciado para outros centros de traballo do Estado, faga os investimentos necesarios para adaptar a refinería da Coruña ao novo marco imposto pola Lei de Transición Enerxética.

E neste senso, apelan á responsabilidade da Xunta de Galiza neste conflito, pois o anuncio do ERTE produciuse tras da reunión que o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, e a directora do complexo da Coruña mantiveron co presidente Alberto Núñez Feixoo. "Non temos ningún tipo de información concreta dos temas tratados nese encontro e de como nos afectan. Resulta intolerábel que o goberno galego saía publicamente defendendo o suposto compromiso de Repsol con Galiza cando está ameazando a continuidade dos empregos e da actividade produtiva do noso complexo industrial".

Propostas para a transición da refinería

Na mesma liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, acusou a Feixoo de ser cómplice da empresa ao non atender as reivindicacións sobre a necesidade de pór en marcha unha política industrial para abordar as medidas de transición para a refinería nin esixir da empresa investimentos para garantir a continuidade produtiva e dos postos de traballo. "Feixoo ten que explicar a que se debe este ERTE xusto despois de reunirse co conselleiro delegado de Repsol", afirmou.

Carril lembrou que a CIG xa lle trasladou no mes de outubro ao goberno galego unha batería de propostas para encetar unha saída xusta da crise que contempla tamén medidas no sector dos carburantes e biocarburantes, facendo xa unha transición no sector encamiñada á transformación das refinerías en biorefinerías, a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos. E apostando polos biocombustíbeis como combustíbel de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Un ERTE sen motivos, facilitado pola vixencia da reforma laboral

No relativo ao ERTE, cuxa mesa de negociación quedou constituída hoxe, a sección sindical da CIG reiterou que non existen motivos nin produtivos nin organizativos para aplicar agora unha regulación temporal (que terá impacto tamén no emprego da industria auxiliar), cando ademais se van pór en marcha unidades como a de FCC na parcela de Conversión 1. Neste senso, apuntan que detrás desta decisión está a negociación do Acordo Marco en Madrid no que Repsol pretende meter un recorte dos dereitos laborais, aplicar unha rebaixa salarial do 10% e eliminar conceptos como a antigüidade.

Por iso, a representación da CIG denuncia que con este ERTE totalmente inxustificado, Repsol pretende chantaxear o persoal e amedrentalo para que asuma os recortes no Acordo Marco aos que logo se dará traslado nos diferentes convenios colectivos das empresas do grupo. "Algo que non imos consentir e continuaremos mobilizándonos e loitando para paralizar este despropósito", aseveran.

Pola súa banda, Carril valorou que ademais este ERTE constitúe un exemplo máis das consecuencias de manter plenamente vixente a reforma laboral, que dá todo o poder de decisión ás empresas sobre a continuidade dos postos de traballo. Polo que esixiu do goberno español que dunha vez, tombe de maneira íntegra  a reforma laboral tendo en conta que afrontamos unha nova crise social e económica, derivada da pandemia, pero que en Galiza ten máis fondas consecuencias a causa da crise industrial na que xa arrastrabamos previamente.

Volver