A CIG demándalle á Xunta medidas para a seguridade do persoal das oficinas de Medio Rural de Ourense

O sector de Autonómica denuncia, entre outras moitas eivas, que a saída de emerxencias está sen sinalizar e pechada con reixas
Ourense - 23 Ago 2019

A CIG-Administración Autonómica demándalle ao xefe territorial e ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais  que corrixan as graves deficiencias en materia de seguridade e saúde que presenta o centro da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense, situado na rúa Florentino Cuevillas.

O persoal que traballa nestas oficinas, explican, corre grave risco para a súa seguridade e saúde. Entre outras deficiencias, a CIG-Autonómica destaca a saída de emerxencias sen sinalizar e pechada con reixas (como se pode apreciar na imaxe que acompaña esta información), os corredores cheos de obstáculos, a ausencia de fiestras ao exterior e a falla de información para a evacuación "que fan que este centro de traballo sexa unha trampa mortal no caso dunha emerxencia, como un incendio".

O persoal descoñece que facer no caso dun sinistro e incluso cal é a saída de emerxencia

O centro da Xefatura Territorial, que ten máis de 130 empregados e empregadas e pode superar as 200 persoas coas usuarias e usuarios, conta cun plan de emerxencias que data do ano 2015 "do que non se fixo nada até hoxe, demostrando que este documento é un simple papel mollado". De feito, advirten que o persoal descoñece que facer no caso dun sinistro e incluso cal é a saída de emerxencia ou o lugar seguro para reconto a onde se teñen que dirixir no caso de desaloxo.

 De igual xeito, tampouco se teñen realizado simulacros de evacuación. Para as delegadas da CIG "é unha eiva grave, xa que o tiro de aire da porta de acceso cara ao interior produce que, en caso dun incendio, as persoas no especial dos cubículos laterais ou superiores terían graves dificultades para saír polo fume. O maior problema é que nunca se deberan situar aquí as oficinas, xa que este baixo realmente parece un garaxe", critican.

Síndrome do "edificio enfermo"

Neste senso, denuncian que o centro presenta o "síndrome do edificio enfermo" porque o feito "é que traballar aquí enferma. O persoal refire sintomatoloxía asociada ao seu lugar de traballo como dores de cabeza, fatiga, dor de gorxa, rinite ou irritación ocular". A maiores das eivan descritas, o sector de Autonómica da CIG alerta que nestas oficinas hai unha ventilación deficiente, ausencia de fiestras e luz natural e artificial escasa, falta de espazo, sucidade, filtracións de auga periódicas e falla de calidade de aire, e frío ou calor extremos, factores todos que afectan directamente a saúde.

O pasado ano a central sindical solicitou tamén medicións de radon "que non se fixeron a pesar de estar situado nun baixo e, se a isto sumamos a falla de ventilación e outros contaminantes ambientais, o risco de cancro faise evidente".

Para a CIG "hai que resolver de xeito urxente os problemas que afectan a seguridade e saúde do persoal traballador e usuario neste centro pero tamén é necesario que a cidade de Ourense conte xa cun edificio administrativo único, novo seguro e habitábel e cos servizos que a cidadanía e os traballadores/as da Xunta merecen".