A CIG demándalle ao ISM que manteña a actividade do servizo administrativo da oficina de Corcubión

A decisión de trasladar o servizo afonda no desmantelamento definitivo deste centro

Corcubión -

A CIG demanda que se manteña a actividade do servizo administrativo do ISM de Corcubión e se proceda de inmediato a cubrir a vacante, xa que este servizo "debe ser o máis próximo aos traballadores e traballadoras do mar". A central nacionalista rexeita que o organismo estatal estea a primar criterios de carácter economicista antes que a condición de servizo público que ten que prestar o Instituto Social da Mariña.

A CIG dirixiuse ao Consello Xeral do ISM tras coñecer o traslado do persoal que até agora se encargaba de realizar as tarefas administrativas na oficina de Corcubión e o peche definitivo deste servizo, ofrecéndose como única alternativa ás traballadoras e traballadores desprazarse até a Casa do Mar de Fisterra ou chamar a un número de teléfono, que é o de cita previa.

A directora provincial confirmáralle á CIG que o servizo de rexistro nesta oficina ía deixar de funcionar, aínda que asegurou que o ISM non ten previsto clausurar o centro de Corcubión. Porén, tendo en conta que se quixo deixar de facer o servizo de sanidade marítima -que agora se está a prestar de xeito temporal e nunhas condicións precarias-, o traslado do persoal administrativo supón o desmantelamento das instalacións ao deixar, de facto, sen actividade o centro e preparar o camiño para un futuro peche.

De materializarse o cese total da actividade nesta oficina, constituiría un grave prexuízo a todos os traballadores e traballadoras do mar, que se verán na obriga de ter que desprazarse a outra localidade para poder realizar as xestións pertinentes.

Por iso, a CIG reclámalle ao Consello Xeral do ISM que non se deixe sen actividade o servizo administrativo de Corcubión e se cubra de inmediato a vacante desta praza.  

Volver