A CIG denuncia a arbitrariedade e discriminación que sofre o persoal municipal do Concello de Lalín

Representantes da central sindical concentráronse ás portas do consistorio para rexeitar a RPT e reclamar un convenio digno
Lalín - 31 Mar 2023

Representantes da CIG e persoal do Concello de Lalín concentráronse ás portas do consistorio para denunciar a arbitrariedade e discriminación que está sufrindo o persoal empregado municipal.

Na mobilización, que coincidiu coa celebración do pleno municipal, a central sindical denunciou que se se aproba a Relación de Postos de Traballo provocará o empobrecemento xeneralizado do persoal porque, agás casos concretos nos que supón subidas discrecionais para uns e baixadas para outros, “empobrece o persoal e deteriora o funcionamento da administración ao mesmo tempo que os cidadáns van ter un peor servizo”. 

Ademais a CIG denunciou que “non se negociou nada e soamente se convocaron mesas de negociación sen ánimo de negociar”. Neste sentido lembran que “na última xuntanza, sen sequera votar, díxose que estaba lista para ir ao pleno”.

No mesmo sentido denunciaron que tamén se levou a pleno o convenio colectivo  municipal que, denuncian, “é un copia e pega da Lei de Emprego Público de Galiza” e que non supón apenas melloras con respecto á Lei Básica, polo que, conclúen que “non supón un avance en dereitos senón un despilfarro de cartos que van para unha empresa de Málaga”. Ademais, matizan, “o único bo que tiña era a xornada de 35h, proposta da CIG que chegou a acordarse, pero que logo CCOO botou abaixo”, tal e como figura nas actas.

Regulamento de produtividades

Xunto ao convenio levouse a pleno un regulamento de produtividades. Unha partida económica que debería formar parte da RPT para mellorar as condicións de todo o persoal, pero que “o goberno de Crespo retende regular  e consolidar como reparto discrecional e a dedo para quen lle interese”, aseguran.

Explican que a CIG fixo propostas e todas as negociacións que nunca se tiveron en conta. Por iso a central sindical nacionalista lamenta a oportunidade perdida por este concello para desenvolver a carreira profesional do persoal; crear unha estrutura orgánica axeitada ao concello de Lalín; avanzar en dereitos e salarios e, sobre todo, crear unha estrutura que garantise o servizo público a cidadanía.

A CIG amosouse tamén moi crítica coa contratación da empresa CIEM para a elaboración destes documentos. “A empresa é a responsable, xunto con Crespo, deste retroceso no que vai entrar o concello de Lalín”, advirten desde o sindicato. “ademais da cantidade de diñeiro público que cobrou, non só por estes documentos, senón tamén na defensa de intereses do concello que non teñen que ver con trámites de gañados por concurso público, senón por contratación directa do  Concello”.