A CIG denuncia a total ausencia de persoal médico de familia no centro de saúde do Porriño
A CIG-Saúde de Vigo denuncia a ausencia persoal médico de familia no centro de saúde do Porriño durante a tarde de hoxe, polo que os doentes están a ser derivados ao Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade. Como consecuencia, dúas únicas facultativas teñen que atender un cupo de máis de 45.600 persoas.
Dende central sindical lembran que o plan funcional do centro de saúde do Porriño contempla a presenza de seis medicas/os de familia en quenda de tarde, mais ante a ausencia da totalidade do persoal médico os doentes están a ser derivados ao PAC. De xeito que este centro ten que asumir todos os pacientes dos seis cupos de tarde, os seus domicilios, as urxencias e as saídas do 061 no Porriño, Salceda e Mos.
“En consecuencia, atopámonos con que só médicas de familia teñen que atender un cupo de máis 45.600 persoas nun PAC que xa de por si ten unha elevada asistencia sanitaria, como recoñecían en nota de prensa días atrás”, sinalan.
Na CIG-Saúde denuncian que a pesar disto o PAC non foi reforzado, ao tempo que fan fincapé en que “este tipo de situacións non se poden normalizar, por respecto á seguridade dos pacientes da comarca da Louriña e das propias traballadoras que asumen esta sobrecarga nun centro que xa requiriría maior dotación de persoal polo elevado número de asistencias habituais”.
Diante disto, a central sindical reclamo tanto o reforzo do PAC como que se adopten con urxencia as medidas necesarias para garantir a asistencia médica no centro de saúde do Porriño.