Denuncian a baixa temeraria no custe do contrato do SAF do Concello de Redondela por criterios económicos

O único xeito de que a empresa faga rendíbel o servizo é precarizando as condicións laborais do persoal
Redondela - 02 Feb 2022

A CIG denuncia que a mesa de contratación do concurso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Redondela deu por boa a oferta da empresa Os Ventos Innovación e Sevicios de 15,56€/hora, tan só un céntimo por riba da consideración de “oferta temeraria” (15,55€/hora), cando o prezo de licitación se estimaba en 18,70€/hora.

Dende a sección sindical da central nacionalista no SAF redondelán consideran totalmente insuficiente a oferta presentada pola empresa, cun prezo por debaixo do que se abona na actualidade, tendo en conta que o IPC real de 2021 foi do 6,5%. 

A CIG denuncia que o Concello antepón o valor económico á calidade do servizo

Mais a mesa de contratación deu o seu visto bo a esta adxudicación defendéndoa como a máis interesante para o Concello, poñendo o criterio económico po enriba de todo e non tendo en conta o prezo convenio que se lles debe aplicar ao persoal, antepoñendo o valor económico á calidade do servizo.

En consecuencia, a única maneira de que a empresa faga rendíbel economicamente o servizo vai ser a costa das profesionais, “non cumprindo co convenio colectivo, reducindo as condicións económicas e sociais do persoal e mermando a calidade do servizo que se lle presta ás persoas usuarias”.

Por iso dende a sección sindical da CIG no SAF adiantan que non van consentir que se poñan en perigo os postos de traballo nin a calidade do servizo, e advírtenlle ao Concello que este servizo “non pode ser nunca unha mera cuestión económica, senón que se teñen que ter en conta as persoas usuarias e as familias”. Neste senso, critican que un Goberno “que se di progresista e de esquerdas” lle dea máis valor ao custe económico que a un servizo esencial “e que poña en risco os postos de traballo e os precarice sen ningún escrúpulo”.