A CIG denuncia a criminalización da protesta social e a persecución do sindicalismo en Arxentina

Internacional - 17 Abr 2026

Nun contexto de recrudescencia das medidas contra a clase traballadora acometidas polo goberno da ultradereita de Milei, a central sindical CTA-Autónoma estende un chamamento de solidariedade internacionalista contra da criminalización da protesta social en Córdoba e Misiones.

Concretamente, os feitos denunciados aconteceron a raíz de protestas da clase traballadora arxentina en agosto de 2025 e saldáronse, no caso das protestas de Córdoba, coa detención de 15 persoas entre as que se encontraban algúns dirixentes sindicais, activistas sociais e un traballador da prensa, principalmente vinculados coa CTA-A, e coa apertura dun proceso xudicial que constitúe un antecedente de persecución da loita social e contra os dereitos fundamentais.

Así mesmo, refírese tamén neste marco de retroceso da liberdade sindical a imputación de 32 persoas traballadoras a raíz das protestas do persoal estatal do servizo de saúde, educación e forzas de seguridade desenvolvidas en maio de 2024 en Misiones contra a deterioración salarial.

Neste caso, a central sindical arxentina pon de manifesto que a deriva do procedemento xudicial enmárcase en accións de vulneración do dereito constitucional á protesta e á liberdade sindical, mais tamén na falta de probas que sosteñan a acusación.

En definitiva, achámonos ante dous acontecementos sen precedentes por parte do poder xudicial arxentino que se vinculan coa axenda reaccionaria do goberno actual, non só en relación co empeoramento das condicións de vida e dos dereitos da clase traballadora arxentina, senón tamén coa tentativa de atacar o libre exercicio da acción sindical e, en última instancia, a organización do pobo en ferramentas que sirvan á defensa da clase traballadora.

A CIG, alén de expresar a súa solidariedade coa central arxentina CTA-A, exixe que se respecte o dereito á protesta como manifestación lexítima da mobilización social acorde coas garantías constitucionais, que se manteña o respecto á liberdade sindical e á liberdade de expresión na Arxentina como elementos fundamentais do estado de dereito; do mesmo xeito que manifesta a súa condena á posta en marcha e execución dos ataques contra a clase traballadora e das medidas que inciden na precarización laboral da clase obreira arxentina.