A CIG denuncia a decisión de EEUU contra Maduro e demanda o levantamento do bloqueo contra diversos países

A pesar do coronavirus e as súas consecuencias, o imperialismo segue a súa axenda
Internacional - 30 Mar 2020

A CIG denuncia que a pesar da pandemia por covid-19, con consecuencias sanitarias a nivel mundial, o imperialismo segue a súa axenda inalterada. Por iso a CIG, malia centrar a súa atención nas consecuencias que esta crise sanitaria ten na vida das persoas, nos servizos esenciais, na asistencia sanitaria e no plano laboral, quere denunciar tamén as últimas decisións do goberno dos EEUU contra o presidente lexítimo de Venezuela, Nicolás Maduro, demanda o levantamento do bloqueo a diversos países e a paralización dos plans militares a despregar en Europa.

A pandemia parece non ser unha cuestión prioritaria para algúns gobernos, como o do presidente Donald Trump que, no canto de atender á súa propia poboación (as cifras estanse incrementando a pasos axigantados nun país no que a maioría da xente non ten acceso a un servizo de saúde universal e gratuíto), parece máis preocupado en manter as súas ansias intervencionistas e imperialistas en lugares xeoestratéxicos e, de xeito especial,  en América Latina.

Diante disto, a CIG únese ás demandas de distintas organizacións a nivel internacional, como o Consello Mundial da Paz (CMP), na condena á decisión do Fiscal Xeral  dos Estados Unidos, no nome da administración norteamericana, de anunciar cargos penais contra o Presidente da República Bolivariana de Venezuela, e outros altos cargos do seu goberno, anunciando grandes recompensas económicas pola súa captura e actuando dun xeito totalmente arbitrario e contrario ao dereito internacional. E todo co pretexto da súa suposta participación no tráfico de drogas internacional, e ameazando con designar a Venezuela como un “Estado que patrocina o terrorismo”.

A central sindical considera que esta decisión constitúe unha nova escalada na política de provocacións, medidas coercitivas e inxerencia nun país soberano, coa gravidade engadida de facelo nun intre tremendamente crítico, pola pandemia do COVID 19, e polas consecuencias que as sancións que levará aparelladas traerán para a poboación de Venezuela. O pobo venezolano xa está a padecer desde hai tempo as sancións impostas polos EEUU -e os seus lacaios do denominado “grupo de Lima”- e a Unión Europea, que limitan o seu acceso a medicamentos e outros produtos de necesidade polo bloqueo. E son estes mesmos aliados os que recoñecen a un presidente ilexítimo autoproclamado e non permiten ao país mercar e proporcionar os equipos e produtos sanitarios nos mercados internacionais, para enfrontar esta grave situación.

Para a CIG é dun cinismo sen límites lanzar acusacións falsas deste tipo contra Venezuela, mentres se fai a vista gorda diante do principal provedor de droga aos Estados Unidos, Colombia, onde as mafias si se moven con total impunidade e onde tamén, por certo, se artellan os plans intervencionistas auspiciados polos ianquis, con total colaboración do seu goberno e a aparición de verdadeiros arsenais de armas para atentar contra o Presidente Nicolás Maduro, vulnerando todos os acordos e tratados internacionais.

Contra as sancións económicas e os bloqueos

Ao mesmo tempo, a central sindical denuncia que o imperialismo norteamericano e os acompañantes (a UE entre eles) seguen a impor sancións económicas e bloqueos contra outros países en todo o planeta: Cuba, Irán, Siria, Corea do Norte, e moitos outros, só polo feito de non pregarse aos seus  intereses xeoestratéxicos e económicos. Estas sancións, xa de por si arbitrarias e ilegais, supoñen na situación actual, de expansión da pandemia, un impedimento para facerlle fronte á mesma, pola escaseza de recursos para afrontala e con graves consecuencias para as vidas das súas poboacións. Nesta liña, a CIG valora moi positivamente o discurso do Presidente de Arxentina, Alberto Fernández, na reunión virtual do G20.

Defender Europe-20

E xa no colmo das ansias imperialistas e belicistas, non hai noticias neste intre de que se suspendera a operación “DEFENDER EUROPE-20” , a operación de maior despregue de tropas en Europa, especialmente en Alemania, Polonia e Países Bálticos, auspiciada pola OTAN, como unha ameaza directa a Rusia, e na que os EE.UU. despregarán nada menos que un continxente de 37.000 soldados. A pesar de atoparnos no medio dunha crise mundial pola pandemia, da que Europa está gravemente afectada, non hai aínda novas sobre a súa paralización.

Neste contexto internacional, a CIG demanda:

  • Inmediato cesamento da estratexia de acoso contra o lexítimo goberno da República Bolivariana de Venezuela, e o respecto á súa soberanía e ás decisións tomadas polo seu pobo, co que queremos mostrar toda a nosa solidariedade e apoio. A CIG súmase ás accións solidarias con Venezuela previstas para o vindeiro 19 de abril.
  • Levantamento das sancións impostas polos Estados Unidos e os seus socios contra determinados países como Venezuela, Cuba, Nicaragua, Irán, Siria, e outros, que supoñen unha grave inxerencia sobre a súa soberanía e impide, no estado actual de emerxencia sanitaria, poder facerlle fronte con garantías para salvagardar as vidas da súa poboación.
  • Inmediata suspensión da operación “Defender Europe-20” e a retirada das tropas dos EE.UU. xa despregadas no noso continente.
  • Denuncia o papel da UE, que mostra o seu verdadeiro rostro nesta crise, mostrándose incapaz de coordinar saídas e alternativas á grave situación sanitaria e social, que protexan á poboación, e non ás grandes empresas.
  • A CIG salienta e agradece o papel de países como a China, Cuba ou Rusia, que si aportaron o seu apoio e recursos aos estados máis afectados pola crise da pandemia.