A CIG denuncia a desmedida acción policial para afogar a folga do persoal do transporte de viaxeiros/as

Nacional - 13 Feb 2026

A CIG denuncia a vaga represiva que se estivo producindo na folga do transporte de viaxeiros/as por estrada durante todo o conflito, máis especialmente nas últimas xornadas, con cargas policiais desmedidas, identificacións de persoas que forman parte dos piquetes informativos ou apertura de expedientes a persoas traballadoras por parte das empresas.

Para a CIG estas intervencións brutais constitúen un ataque á liberdade sindical e ao dereito fundamental á folga e á mobilización da clase traballadora polo dereito a ter unhas condicións de vida dignas, ao que a CIG dará cumprida resposta a todos os niveis.

Dende o inicio da folga, a identificación de persoas con afán intimidatorio prodúcese a diario, pero nestes últimos días asistimos a unha intensificación das actuacións policiais, con cargas contra as persoas que integran os piquetes impedíndolles que exerzan as súas funcións informativas; e chegando a policía a tomar o control das estacións de autobuses e principais centros de traballo obrigando ao persoal a sacar os autobuses aínda non sendo servizos mínimos ou mesmo non tendo servizo asignado.

Para máis gravidade, onte pola mañá  producirse a detención e traslado a comisaría dun integrante do piquete e membro da dirección do sindicato sen ningún motivo que xustificara dita medida.

O único obxectivo destas actuacións é afogar a folga do persoal transporte de viaxeiros/as para facilitar a imposición dun acordo que o 70% do sector rexeitou en votación. Resulta lamentábel que se poñan os corpos policiais a traballar na defensa dos intereses patronais, e que se aproveite a impunidade que permite a lei mordaza para agredir e combater a lexítima loita obreira.

Este tipo de intervencións constitúen un ataque á liberdade sindical, ao dereito fundamental á folga e á mobilización da clase traballadora polo dereito a ter unhas condicións de vida dignas, ao que a CIG dará cumprida resposta a todos os niveis.

Neste sentido, a central nacionalista despregará diferentes accións de denuncia ante diferentes instancias e advirte que non vai consentir a aplicación da lei mordaza para xustificar eses abusos, nin a imposición de sancións administrativas que poidan chegar a producirse. Ademais, a CIG tomará a iniciativa de levar ao Congreso estes ataques e agresións aos dereitos e liberdades sindicais para que o Goberno español depure responsabilidades.

Unha vez máis, a CIG exixe a derrogación inmediata da lei de protección da seguridade cidadá aprobada polo PP e o respecto ao dereito fundamental de folga de manifestación.