Denuncian a falta de medios humanos no operativo autonómico de alto risco de incendios forestais

Dende a CIG-Administración reclaman a cobertura de todas as prazas do servizo mediante persoal das listas de contratación
Nacional - 07 Ago 2019

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia a falta de medios humanos no operativo de prevención e defensa contra os incendios forestais en pleno período de alto risco e reclama a cobertura de todas as prazas do servizo mediante persoal das listas de contratación.

Dende a central lembran que foi o propio presidente da Xunta o que fixo público o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA 2019), aprobado polo Consello da Xunta o pasado 2 de maio, no que se detallaban os medios humanos dispoñíbeis para a campaña de alto risco de incendios forestais que comezou o pasado 1 de xullo. 

Temos que denunciar un ano máis a falta de bombeiros/as, persoal de vixilancia e emisoristas

No documento sinalábase que serían 7000 efectivos para a loita contra o lume, homes e mulleres que pertencen a medios propios da Xunta, Concellos, Ministerio de Medio Ambiente, exército e forzas policiais do Estado.

En canto aos medios propios da Administración autonómica -integrados no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF)- ,“dende a CIG temos que denunciar un ano máis a falta de persoal tanto de bombeiros/as forestais en brigadas como carencia de persoal nos puntos estratéxicos de vixilancia e emisoristas nos distritos”.

No que se refire ás brigadas forestais, atopámonos con bombeiros/as forestais condutores/as de baixa laboral e/ou con permisos por paternidade ou maternidade, entre outros, “provocando que ditas brigadas en moitos días de traballo no alto risco estean inoperativas, tendo o centro de distrito que ubicar os bombeiros/as forestais con condutores/as de autobomba, reducindo a capacidade do dispositivo”.

Cos puntos fixos de vixilancia, máis do mesmo: no ano 2012 tiñamos unha rede de 106 puntos de vixilancia fixa no territorio de Galiza, dos que as principais tiñan persoal abondo para cubrir as 24 horas no período de máximo risco de incendios forestais. Estando actualmente formada por tan só 44 puntos de vixilancia fixa operativos en todo o país, estes 44 non están operativos as 24 horas. Están pechados a maioría dos días de 8 a 16 horas.

Non se cubren baixas, vacacións e permisos

A maiores da carencia de persoal para cubrir as 24 horas de vixilancia en máximo risco de incendios, os vixiantes son destinados/as a realizar labores de emisoristas nos Centros de Coordinación de Distrito, tamén por falta de persoal para cubrir as 24 horas algúns días.

“O principal desencadeante desta mingua de persoal é que a Consellaría do Medio Rural non cubre baixas, vacacións nin permisos do persoal, polo que atopamos brigadas cun só compoñente e casetas de vixilancia pechadas”, critican.

Lembran que o SPIF ten a consideración de servizo público de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil, dacordo co recollido no artigo 11 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do sistema nacional de protección civil. Polo tanto, non é de recibo que un servizo de emerxencia non teña cubertas as súas quendas de traballo, en todos os seus postos. “Estamos a falar da época de risco extremo de incendios forestais, na que a Xunta de Galiza debera pór todos os medios para que o dispositivo do SPIF non mingüe a súa operatividade e efectividade”.

Diante disto, a CIG esixe a cobertura total de todas as prazas das que dispón este servizo mediante o persoal das listas de contratación e que se cubran as baixas, vacacións, permisos e licenzas neste servizo de emerxencias, “para así acadar tanto a mellor protección do noso territorio como unha maior seguridade e efectividade do propio dispositivo, neste período de alto risco no que nos atopamos”.