A CIG denuncia a falta de pago dos salarios en varias empresas de ambulancias da provincia de Lugo

As compañías escúdanse no atraso no abono dos servizos prestados por parte da Xunta

Lugo -

A CIG denuncia que as empresas de ambulancias do servizo de transporte urxente para o 061 Luis Iglesias Carreira SL, Ambulancias Rubiero-Xirón SL e Ambulancias Carballosa SL están incumprindo no pagamento dos salarios ao seu persoal e a día de hoxe aínda non abonaron as nóminas do mes de xuño. Esta situación supón un incumprimento do establecido no convenio colectivo de ambulancias, recentemente asinado e en vigor, que recolle que o salario terá que ser efectivo nas contas do persoal como máximo o día 4 de cada mes.

O impagamento afecta ás bases do servizo de transporte urxente de Meira, Pontenova, Fonsagrada, O Corgo, Guitiriz, Palas de Rei, Becerreá, Navia de Suarna, Sarria, Vilalba e Lugo (2 ambulancias e a medicalizada). Segundo as empresas a falta de pago débese ao atraso no abono dos servizos prestados por parte da Xunta, a través da Fundación Publica Urxencias Sanitarias 061.

O secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López Carmona, advirte que esta situación resulta "inadmisíbel e supón unha actuación temeraria da Administración galega ao non asumir periodicamente o pagamento ás patronais". Empresas que, engade, actuaron á súa vez de xeito temerario ao asumir uns servizos de transporte urxente por debaixo de custes.

Os atrasos prodúcense en máis centros de traballo

Para a CIG tamén resulta preocupante que a piques de saír o novo concurso para o transporte urxente (previsibelmente o próximo outono), esta situación de impago e/ou atraso no abono dos salarios se reproduza en máis centros de traballo,"tratando de seguir a estratexia de formular concurso de acredores nestas empresas, co obxecto de blindar as súas responsabilidades a respecto da minoración dos custes de persoal que se foron producindo durante o actual concurso". Un claro exemplo deste proceder atopámolo en Ambulancias Carballosa (actualmente en concurso), que ten pendente de pagar ao seu persoal a nómina de xuño e a paga extraordinaria do verán.

Dende a CIG está a realizar as actuacións oportunas para garantir o pagamento dos salarios aos traballadores e traballadoras, no ámbito laboral e no da mobilización se fora preciso, "pois tanto as empresas como a Xunta están parapetándose nas súas propias neglixencias, así como na manipulación perversa dun concurso para o transporte sanitario urxente que naceu eivado".

Volver