A CIG denuncia a falta de persoal contra incendios en plena vaga de lumes

O número de traballadores/as do servizo de extinción é o mesmo que no mes de maio
Nacional - 18 Xul 2022

Dende a central sindical critican que a Xunta volvese ao sistema de contratar brigadas de reforzo de verán por parte dos Concellos, eliminando na práctica a contratación polas listas de agarda da Administración autonómica para aforrar medios e persoal propio. “Os lumes destes días, cunha situación durísima tanto polo número de incendios como pola súa perigosidade, puxeron en alarma á poboación galega mentres se sucederon as denuncias por falta de medios na extinción e polas situacións de abuso que está a sufrir o persoal ao que se lle obriga a soportar xornadas maratonianas de bastante máis de 12 horas consecutivas, sen sequera levarlle auga nin comida”, sinalan. 

Dende a central sindical critican que a Xunta volvese ao sistema de contratar brigadas de reforzo de verán por parte dos Concellos

Para a CIG a análise “está clara”: a Xunta volveu ao sistema de contratación de brigadas de extinción municipais, mentres segue escatimando co persoal propio. Porén, a realidade é que as brigadas municipais non estarán activas até entrado agosto. Á dificultade para asinar convenios súmaselle a necesidade de persoal e a desesperación dos Concellos para atopar material de extinción, equipos de protección individual e incluso vehículos en condicións.

“A volta ao fracasado modelo caótico de finais dos 90 e 2000 cumpre o prognóstico esperado: o fracaso. Mentres, en plena vaga de incendios o cadro persoal é o mesmo que no mes de maio”. Fronte a isto, a CIG aposta por un modelo de xestión único, público e directo para a extinción de incendios, composto por profesionais formados/as e adestrados/as en multiemerxencias que poidan alternar as labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.”

Na central consideran que se trata do único xeito de ter a flexibilidade suficiente para atender aos incendios, que cada vez están máis desestacionalizados, á vez que se traballa en baixar o potencial de perigosidade ao reducir a biomasa dispoñible e manter as infraestruturas. “Máis a Xunta do PP vai no camiño contrario e, aínda por riba, faino tan mal que chegamos a xullo nestas condicións”.

Destrución de emprego

Mais fan fincapé en que o que está a acontecer non é nada novo. “Que saíran mais ou menos airosos nos veráns anteriores foi cuestión de sorte e das condicións meterolóxicas”. E lembran ademais a destrución “paulatina e imparábel” de postos de traballo nas diferentes consellerías da Xunta. “Tan só este ano en Medio Rural propóñense eliminar 80 postos de traballo, 21 deles no Servizo de Prevención de Incendios Forestais. Aínda por riba hai prazas que levan anos sen cubrir, e tampouco se substitúen as baixas laborais con dilixencia, e nunca as vacacións”.

Polo tanto, con esta “nefasta xestión” de persoal é moi difícil que as brigadas estean completas. “A pesar de que saben que é malogrado, escolleron o modelo de brigadas municipais. Que asinen os convenios e den medios aos Concellos e, se non que tiren das listas da Xunta e poñan o operativo a funcionar, respectando os horarios, sen abusar do persoal”.

“Se ao final o éxito na xestión dos incendios no verán depende da chuvia, preguntámonos se non debera dimitir o conselleiro do medio rural na vez de presentarse no lume co mono de traballo nun alarde de propaganda populista? En definitiva, que se deixen de caralladas que isto dos incendios é un asunto moi serio”.