A Unión Local da CIG de Monforte denuncia a situación que se está a producir na residencia de maiores DomusVi Monforte, xa que segundo a información da que dispón a organización sindical non se estaría cumprindo o ratio de persoal necesario para garantir unha atención digna, segura e de calidade ás persoas residentes.
A falta de efectivos está a provocar unha importante sobrecarga de traballo para o cadro de persoal, con consecuencias tanto sobre as condicións laborais como sobre a calidade e seguridade da atención ás persoas usuarias.
A falta de efectivos está a provocar unha importante sobrecarga de traballo para o persoal, con consecuencias nas condicións laborais e na calidade do servizo
Ao mesmo tempo, dende a CIG alertan de que hai máis de dous meses se produciu un brote de sarna no centro que afectou cando menos a cinco traballadoras. Esta é a cifra de persoas afectadas das que a central sindical tivo coñecemento até o de agora, sen descartar que o número poida ser superior. Así mesmo, a central manifesta a súa preocupación polo feito de que se descoñece se existen persoas usuarias da residencia que puideron estar afectadas ou expostas ao contaxio e cal é a súa situación actual.
Ao mesmo tempo, á CIG non lle consta que a día de hoxe se tivese activado de maneira efectiva o ‘Protocolo de actuación ante a sarna humana en institucións con coidadores’ nin se terían adoptado todas as medidas preventivas e de control necesarias para evitar novos contaxios. Unha situación “especialmente preocupante” nunha residencia de maiores, “polas características das persoas residentes e pola necesidade de aplicar con rigor os protocolos establecidos para a prevención, control e tratamento da sarna en institucións con coidadores”.
Actuacións inmediatas
En consecuencia, a central sindical reclámalle á dirección de DomusVi que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para garantir unha dotación suficiente de persoal e o cumprimento dos ratios correspondentes, evitando que a falta de efectivos se traduza nunha sobrecarga permanente para as persoas traballadoras.
Así mesmo, esixe que se informe sobre a situación actual do brote, as medidas adoptadas desde a súa detección e as indicacións recibidas das autoridades sanitarias, así como que se proceda á activación e aplicación efectiva do ‘Protocolo de actuación ante a sarna humana en institucións con coidadores’, “se non se fixo xa”.
A CIG considera que a saúde e a seguridade das persoas residentes e do persoal non poden quedar en segundo plano e esíxelle á empresa unha actuación inmediata para garantir a protección das persoas usuarias e das persoas traballadoras do centro.