A CIG denuncia a manipulación informativa e as falsidades sobre a folga do metal de Ourense

A central chama a participar na manifestación convocada para a tarde deste luns ás 19:30h
Ourense - 10 Out 2022

A CIG de Ourense denuncia a campaña pública de criminalización do sindicalismo, do dereito de folga e da loita obreira por un salario digno, que se está a producir estes días arredor da folga indefinida no sector de siderometal. Unha campaña "que resulta absolutamente obscena e abusiva", na que incluso se tenta focalizar o conflito nunha persoa en concreta, terxiversando os vídeos gravados e publicados "contando no relato o que no vídeo non se chega nin a ver", e vulnerando do dereito fundamental á presunción de inocencia, alerta o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo.

Denuncia que esta persecución chega ata tal punto "que se condena de partida, cando supostamente o asunto está en trámite de investigación policial", ao secretario da federación de Industria da CIG de Ourense, acusándoo de feitos moi graves e de agresións físicas, cando nas propias gravacións facilitadas polo medio La Región, vese claramente que o agredido é precisamente o noso compañeiro.

"Desde a CIG non imos tolerar este brutal ataque ao dereito de folga e manifestación e imos esixir ao periódico La Región que faga unha rectificación pública, respecte a presunción de inocencia e a honra do noso compañeiro. De non ser así, os nosos servizos xurídicas estudarán posibles accións legais a emprender nos órganos xudiciais", engade Pérez Carballo.

Para o secretario comarcal da CIG-Ourense chama poderosamente a atención que esta exquisita vara de medir de LR non se utilice para avaliar o comportamento represor e ameazante de empresas que literalmente impoñen aos seus traballadores o 'lexítimo dereito ao traballo' baixo a ameaza de despedimento.

Por último, subliña que "a CIG asume a actuación do noso compañeiro responsábel da federación de Industria na comarca, apoiamos indubidablemente a folga no sector do metal de Ourense, e apostamos por un convenio digno e un salario xusto".

Manifestación por un convenio digno

Neste senso, a central nacionalista fai un chamamento a apoiar e participar na manifestación convocada para a tarde deste luns, 10 de outubro, ás 19:30h, con saída no edificio sindical en demanda dun convenio digno para o sector do metal.