A CIG denuncia a morte dun doente nunha ambulancia sen asistencia sanitaria enviada polo 061

A central esíxelle ao Sergas que deixe de reforzar o servizo de urxencias vigués con vehículos precarios
Vigo - 17 Set 2021

A CIG denuncia o falecemento no día de onte dun doente mentres era trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha ambulancia sen asistencia sanitaria enviada polo 061. Dende a central sindical esíxenlle ao Sergas que deixe de reforzar o servizo de emerxencias con vehículos en precario e anuncian que solicitarán as pertinentes explicacións sobre o acontecido.

Segundo explican na FGAMT-CIG, o suceso tivo lugar este xoves entre as 13:00 e as 14:00 horas cando unha persoa duns 50 anos que viaxaba no interior dunha ambulancia acompañada por un familiar sufriu unha indisposición e non se lle puideron realizar as necesarias tarefas de soporte vital nin se contaba co material necesario para facelas. Xa que o vehículo, pertencente á empresa Coexam, é de tipo A e non está adaptado para poder prestar asistencia sanitaria, ademais de contar unicamente cun condutor/a.

En consecuencia, o doente ingresou xa falecido nas urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. A chegada deste vehículo cun só condutor e cunha persoa morta no interior causou un gran balbordo entre o persoal de ambulancias que se atopaba no exterior do centro médico, así como entre os propios/as traballadoras/as do servizo de urxencias.

Dende a FGAMT-CIG lembran que levan tempo reclamando a necesidade de reforzar o servizo de ambulancias en Vigo e na súa área con vehículos da propia rede do 061 para garantir que sexan de tipo B, que son os que están adaptados para poder prestar asistencia sanitaria e nos que viaxan dous profesionais co título de técnico/a. “Pero este verán, debido ao aumento do número de emerxencias, o 061 reforzou o servizo en precario botando man de novo da empresa Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam); fíxoo sen licitación e sen aumentar a rede propia”.

Ante o elevado número de servizos derivados polo 061, a empresa opera con até catro ambulancias, pero tres delas son de tipo A, polo que non están preparadas para prestar asistencia sanitaria. E noutras ocasións usan de tipo B, pero cun só condutor/a, “algo totalmente ilegal segundo a normativa de transporte sanitario de Galiza”. Ademais, Coexam non conta con instalacións axeitadas en Vigo para realizar as labores de limpeza e desinfección dos vehículos, até o punto de que o persoal ten que agardar en parques forestais mentres non é activado.

Boa mostra desta precariedade son as propias tarifas establecidas para cada saída, polas que a empresa ingresa 32, 16 euros, mentres que por cada quilómetro interurbano cobra 0,64 euros.

O persoal da central de coordinación, prexudicado

En consecuencia, a FGAMT-CIG trasladoulle recentemente ao 061 unha serie de preguntas para saber os motivos polos que se contratou esta empresa sen abrir un proceso de licitación; canto se paga por cada un dos servizos que realiza; se existe supervisión e control de calidade destas ambulancias; e se a Administración ten coñecemento do tipo de vehículos que esta empresa utiliza para levar a cabo a asistencia sanitaria urxente.

Agora, tras o acontecido onte, a central sindical solicitará as explicacións pertinentes e reclamará que se poña fin á política de reforzar o servizo en precario. “Levamos tempo advertindo que podían pasar cousas coma esta, polo que demandaremos que se depuren responsabilidades”. Neste senso, sosteñen que a única resposta que obtiveron até o de agora por parte do 061 é que este tipo de ambulancias se usan só para urxencias de carácter menos grave. “Sabemos que é algo totalmente falso, porque o persoal da central de coordinación ten que botar man delas aínda que non queiran cando salta unha urxencia e non teñen outro vehículo dispoñíbel”.

Neste senso, queren deixar moi claro as diferenzas existentes entre o padroado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, que é o que toma as decisións económicas e organizativas (contratacións, número de ambulancias, reforzos, etc), e o persoal da central de coordinación, “que envía sempre o mellor recurso dispoñíbel e o máis rápido posíbel”. De feito, consideran que estes/as traballadores/as son os primeiros/as prexudicados/as por esta situación derivada da escaseza de ambulancias e da precariedade das mesmas.