A CIG denuncia a persecución e a represión a unha delegada da central no Concello da Coruña

A Coruña - 06 Xul 2023

A CIG compareceu este xoves en rolda de prensa para denunciar publicamente a persecución, o acoso e a represión que o concelleiro de Persoal do Concello da Coruña, Manuel Lage Tuñas, está a exercer sobre a delegada da central nacionalista, Cristina Díaz, a quen se lle impuxo unha sanción de 15 días de suspensión de emprego e soldo por unha falta grave. Ante a gravidade destes feitos, e para amosar publicamente o rexeitamento a esta actuación, a CIG ten convocada para mañá venres, 7 de xullo, unha concentración ás 11:30h, na Praza de María Pita.

Na rolda de prensa participaron o secretario nacional da CIG-Administración Pública, Luís Carballo, o responsábel do sector de Administración Local, Alberte Cadaveira, o responsábel de Administración Local na Coruña, Roberto Tizón e José María Calatayud, delegado da central no Concello da Coruña, que criticaron a actitude “rancorosa e vingativa coa que Lage Tuñas xestiona o persoal ao servizo do Concello”.

Tizón explicou que dende a súa chegada ao Goberno municipal, Tuñas vinculou (por razóns que se descoñecen) a delegada da CIG como responsábel de comentarios negativos nas redes sociais sobre a súa persoa, “algo que é rigorosamente falso”. Dende ese momento, comezou un acoso sistemático contra a compañeira, cuestionándose que se puidera achegar ao concello cando estaba de baixa por IT, e incluso impedíndoselle formar parte de tribunais en procesos selectivos doutras administracións locais, a pesar de estar solicitada a súa participación polo Concello en cuestión e o propio Colexio e Traballadoras Sociais.

Pero o afán persecutorio non acaba aí, xa que se lle dificultou a utilización das horas sindicais e “impedíuselle acceder a postos mellor retribuídos nos procesos de cobertura de comisións de servizo, alegando a súa falla de idoneidade e mesmo pondo como escusa a súa acción sindical, cando isto nunca foi impedimento para que outras persoas que tamén ostentan a representación sindical accederan a postos superiores”, denunciou Tizón, engadindo que este tipo de prexuízos "tamén o sufriron outras delegadas da CIG".

Estas actuacións antisindicais e antidemocráticas foron denunciadas nos xulgados, chegando Díaz a gañar un xuízo contra a resolución dun destes procesos. Esta circunstancia, sumada á loita e aos recursos que a CIG leva anos interpondo contra as comisións de servizos ilegais “fixo que Lage Tuñas, coa colaboración necesaria de determinado persoal funcionario que, curiosamente se atopa na práctica totalidade nunha comisión ilegal, iniciara un procedemento sancionador contra a nosa compañeira por revelación de secretos”.

Curiosamente, o expediente incoouse seis meses despois de acontecidos os feitos e por uns correos que Díaz intercambiou coa xefatura do seu servizo. No correo que iniciou o fío ía un adxunto con algún dato persoal de usuarios/as dos servizos sociais e nese intercambio de envíos, nunha ocasión a delegada da CIG puxo en copia a conta de correo da sección sindical -que ela mesma xestionaba-. Este feito, foi o que utilizou o Concello para entender que houbo revelación de secretos e iniciar o expediente.

Pero a compañeira, matizou Tizón, puxo precisamente en copia o correo da sección sindical para tratar de defenderse do acoso que estaba a sufrir.

A tramitación deste expediente durou máis de ano e medio e, a pesar de que se recoñece que non se produciron danos a ninguén, e de rozar  a caducidade nalgún deses trámites, resólvese proposta de sanción xusto despois das eleccións municipais, coa suspensión de 15 días de emprego e soldo por comisión dunha falta grave. Coincide que semanas antes das eleccións municipais, a CIG presentara denuncia na Fiscalía a respecto das ilegalidades nas comisións de servizo.

Agora mesmo, está en trámite o recurso de reposición presentado por Díaz e, en función do que se resolva, acudirase á vía contecioso-administrativa.

Ataque ao traballo sindical

Para a CIG, todo este procedemento é consecuencia do traballo sindical de denuncia contra a xestión de persoal, o uso arbitrario das comisións de servizo, a súa ilegalidade e a non execución das sentenzas en contra que por este motivo acumula o Concello da Coruña. A este respecto, Luis Carballo subliñou que a CIG non vai consentir estes actos de represalia "que son un ataque directo ao traballo sindical e á defensa dos intereses das e dos empregados públicos".

Cuestionou ademais que sexa un goberno que se denomina progresista o que exerza estas represalias contra as representantes dos persoal e lamentou que o grupo municipal do PSOE tampouco quixera atender a solicitude de reunión cursada pola CIG, que si atenderon os grupos do PP e BNG.

Por todo isto, a sección sindical da CIG acordou iniciar unha campaña de mobilización e denuncia pública ante a gravidade destes feitos, e para manifestar o apoio á compañeira e representante do persoal funcionario do Concello da Coruña.