• Nova

CIG denuncia a precariedade das traballadoras do comedor escolar no CEIP Virxe do Mar de Narón

Advirten tamén da desatención que isto provoca nas usuarias e usuarios do servizo
Ferrol - 19 Mai 2022

A CIG-Servizos de Ferrol denuncia novamente a precariedade laboral das traballadoras do servizo de comedor escolar do CEIP Virxe do Mar de Narón, prestado pola empresa Eurest Colectividades SL. A compañía retirou do servizo de almorzos a unha das dúas traballadoras que o daban, procedendo a reducirlle a xornada laboral, “xusto no momento do curso que máis persoas usuarias hai e a piques de rematar o período de actividade deste persoal”.

Para a CIG-Servizos non existe ningunha circunstancia que xustifique esta decisión, que provoca ademais unha desatención das crianzas, xa que debido ás características do CEIP é preciso contar con dúas persoas monitoras para prestar o servizo de maneira adecuada. Do contrario, explican, calquera mínima eventualidade (como que unha crianza pida ir ao baño) ocasiona que o comedor quede baleiro de monitoras, co risco que isto implica, pois non cómpre esquecer que estamos a falar de cativas/os de entre 3 e 12 anos.

A empresa, ante tal situación, decidiu desviar a outra traballadora ao servizo de almorzos en lugar de retractarse de tan incompresíbel decisión. Pero dita traballadora “só fai as funcións de apertura e peche do comedor polo que a situación de desatención persiste”.

Hai uns meses, a CIG xa denunciou as condicións de precariedade neste servizo, ao ter que prestarse en tres quendas por problemas de espazo, o que provoca tamén a perda de horas lectivas para o alumnado que utiliza este servizo. Neste contexto estase á espera dunhas obras de remodelación do espazo que non acaban de chegar “nin teñen visos de que así suceda. Atopámonos pois nunha situación que semella non importarlle nin á Xunta de Galiza nin á empresa concesionaria do servizo, causando un agravio comparativo cos outros centros educativos adscritos ao Concello de Narón onde a calidade do servizo é claramente superior”.