A CIG denuncia represión sindical en Vázquez Rey, que despediu a dous traballadores por formar parte da mesa electoral

A empresa alega que "transgrediron a boa fe contractual", ao negárense a boicotear o proceso

A Coruña -

A empresa de taboleiro Vázquez Rey SA, situada no Polígono de Sabón, vén de facer efectivo o despedimento de dous operarios por teren participado na mesa electoral das eleccións celebradas nesta firma. A decisión, denuncia a Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña, obedece "ás manobras desenvolvidas pola dirección, e en particular polo xerente, Roberto Laya Loureiro, para tratar por todos os medios de boicotear o proceso electoral e evitar que os traballadores puideran elixir o candidato da CIG como o seu representante legal".

Precisamente, os dous operarios despedidos formaban parte da mesa en calidade de presidente e secretario suplente. "A primeira manobra, explica o secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, consistiu en que o propio xerente tratou de manipular a única candidatura presentada, a da CIG, incluíndose a si propio como candidato".

Concentración no SMAC

Coincidindo co acto de conciliación dun dos traballadores despedidos, a CIG ten convocada unha concentración o vindeiro martes, 7 de maio, ás 09:00 horas diante do SMAC da Coruña, para esixir a readmisión do operario e rexeitar a represión sindical que está a exercer a empresa.

Porén, ao decatarse de que este "trapalleiro intento de inxerencia no proceso fora desactivado, tratou de ameazar e coaccionar os integrantes da mesa para que desistiran de participar en nada que tivera que ver co proceso, cousa que conseguiu no caso de secretario e do vogal titular, pero non dos seus suplentes nin do presidente da mesa".

A empresa alega "transgresión da boa fe contractual"

Ao non lograr o obxectivo de facer encallar o proceso electoral nin de anular a acta a través dun laudo arbitral (que finalmente validou o proceso), a dirección da empresa despediu o presidente e o secretario da mesa alegando que "transgrediron a boa fe contractual" por ter participado no proceso electoral. Non satisfeita, a empresa tamén denunciou o proceso no xulgado de garda.

Maceiras denuncia a brutal represión sindical que se está a vivir nesta empresa, que chega á situación inaudita "do despedimento de dous operarios con décadas de experiencia ás costas polo único feito de non ter cedido á chantaxe empresarial e defender o seu dereito fundamental de participar nas eleccións sindicais na súa empresa".

Volver