A CIG denuncia o inmobilismo amosado pola patronal na última reunión da negociación do convenio colectivo de axencias marítimas e aduaneiras, empresas estibadoras portuarias e comisionistas de tránsito para a provincia da Coruña, transcorridas xa oito reunións no que vai de ano.
A patronal comprometérase na xuntanza do pasado 5 de novembro a presentar unha oferta salarial mellorada para tentar avanzar nun acordo, pero finalmente optou por manter a mesma mísera proposta xa presentada, que se limita a un incremento do 2,7% para o ano 2026 e do 3% para o ano 2027.
A FGAMT-CIG critica que, ademais de tratarse dunhas cifras totalmente inasumíbeis nunha situación de IPC que en Galiza xa superou o 5% no mes de outubro, “tamén supón un estancamento manifesto na negociación, ao reiterar unha oferta que xa foi rexeitada pola parte social por insuficiente”. A maiores, na xuntanza tampouco se produciu ningún outro avance salientábel nin en materia salarial nin social.
A vindeira reunión de negociación terá lugar o día 10 de decembro, “na cal comprobaremos se a patronal decide continuar coa paralización da mesa”. De chegarse a ese punto, a FGAMT-CIG advirte que serán as asembleas de persoal quen decidan as medidas legais e sindicais a levar a cabo para desbloquear a situación e acadar un convenio digno o antes posíbel.