A CIG denuncia a situación de colapso do Rexistro Civil de Ourense por falta de persoal

Solicita o nomeamento urxente dunha persoa interina do corpo de Auxilio Xudicial para cubrir a baixa dunha funcionaria de Tramitación
Ourense - 01 Out 2025

A CIG vén de remitirlle un escrito á Dirección Xeral de Xustiza denunciando a situación de colapso na que se atopa o Rexistro Civil de Ourense dende o pasado mes de xullo por falta de persoal e reclamando o nomeamento dunha persoa interina do corpo de Auxilio Xudicial para cubrir a baixa dunha funcionaria do departamento de Tramitación.

Dende a central sindical lembran que a propia Relación de Postos de Traballo (RPT) publicada o pasado 11 de setembro contempla unha praza do corpo de Auxilio para a oficina xeral do Rexistro Civil. “Tras quedar a funcionaria de baixa falouse coa Delegación en Ourense, xa que este Rexistro Civil ve incrementado moito a carga de traballo no verán polas múltiples persoas retornadas tanto a nivel estatal como do estranxeiro que realizan xestións nesas datas”. 

A Administración non cubriu a praza, a pesares do establecido na Orde de 18 de maio de 2022

Pero a Administración non cubriu a praza, a pesares do establecido na Orde de 18 de maio de 2022, que no artigo 4.2 contempla que <<…en todo caso procederá á súa cobertura mediante o nomeamento de persoal funcionario interino...>>. “Polo que nos atopamos con boa parte do cadro de persoal de vacacións e diminuído pola baixa da compañeira”.

Segundo trasladaron dende a Delegación en resposta ás solicitudes de nomeamento urxente de persoal interino, xa lle tiñan enviado á Dirección Xeral varios informes poñéndoa en coñecemento da situación. “Pero a día de hoxe seguimos igual, chegando a botar man, dende a pasada semana, da compañeira do corpo de Auxilio Xudicial pertencente ao Xulgado de Instancia 2 para que atendera ao mesmo tempo o seu Xulgado e o Rexistro Civil, co conseguinte atraso nas súas tarefas no Xulgado”.

Polo que reclaman da Dirección Xeral o nomeamento urxente dunha persoa interina do corpo de Auxilio Xudicial para cubrir a substitución acordada.