A CIG denuncia a vulneración do dereito á folga de dúas traballadoras do Concello de Mugardos no 8M

O Goberno local obrigounas a acudir ao seu posto, saltándose o acordo de servizos mínimos
Mugardos - 16 Abr 2019

O pasado 8 de marzo, coincidindo coa xornada de folga de mulleres, a alcaldesa de Mugardos, Pilar Otero (IU), obrigou a dúas traballadoras a acudir ao seu posto, saltándose así o acordo de servizos mínimos acadado coa representación social no que non estaban incluídas estas dúas empregadas. Diante destes feitos, a CIG-Administración presentou denuncia no xulgado pola violación do dereito fundamental á folga das traballadoras, solicitando que se impoña ao Concello a sanción máxima establecida na orde social e cuxo xuízo se celebrará o vindeiro 14 de maio.

Hai que salientar que este feitos ocorren no contexto de confrontación que se dá neste mandato entre a Alcaldía e o comité de empresa a causa do convenio colectivo que, logo dunhas longas e fracasadas negociacións, rematou no Consello Galego de Relacións Laborais. O organismo emitiu laudo arbitral dando a razóns ás demandas da parte social e avalando os acordos sobre diversos puntos aos que se chegou na mediación.

O Concello obrigou as traballadoras a acudir ao seu posto no último momento e a través dunha mensaxe de texto

Neste marco, explica a CIG-Administración, é no que o pasado 7 de marzo se acordan os servizos mínimos no Concello de Mugardos para a folga de mulleres, no que non foron incluídas estas dúas traballadoras. Porén, a sorpresa chegou cando, no último momento e a través dunha mensaxe de texto, o Concello obrigounas a acudir ao seu posto de traballo o 8 de Marzo, sen respectar o acordo alcanzado coa representación social.

Piquete diante do concello a primeira hora

A resposta da CIG a este ataque foi inmediata, situando dende a primeira hora da mañá do día 8 un piquete na porta do Concello. As traballadoras afectadas, despois de estar máis de media hora diante da porta pechada da casa consistorial accederon ao seu posto de traballo.

Logo dunha valoración dos feitos ocorridos nesa xornada, a CIG decidiu denunciar  en vía xudicial esta violación do dereito fundamental á folga que se produce, ademais, nunha data tan significativa para a reivindicación dos dereitos das mulleres como o 8 de Marzo, solicitando que se impoña ao Concello e a Alcaldía a sanción máxima recollida na orde social para eses casos, establecida en 25.000 euros.

A data de celebración do xuízo está fixada para o vindeiro 14 de maio e dende CIG "agardamos que se faga xustiza e que tamén se recupere o diálogo e o acordo entre a Administración e o persoal municipal".