A CIG denuncia as erráticas medidas dos gobernos español e galego na crise do Covid-19

Rexeita a relaxación no compromiso do mantemento do emprego, o desvío dos fondos de formación, ou que non se pare completamente a actividade

Nacional -

A CIG manifesta o seu rexeitamento a que se manteña a actividade en sectores ou empresas non esenciais; que se desvíen fondos de formación profesional para financiar outras medidas extraordinarias; que se presente o acceso aos plans de pensións, como unha das formas de compensar a perda ou diminución dos salarios, ou á relaxación das cláusulas de conservación do emprego. Hoxe máis que nunca son necesarias políticas públicas, concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais, "pero cun financiamento que non parta dos propios traballadores e traballadoras".

Segundo explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o goberno foise emendando a si mesmo e cambiando de posición -co apoio da Xunta de Galiza- respecto a cuestións como o cese de actividade, anunciado o pasado sábado polo propio Presidente do goberno, que afectaría a todos os sectores agás os esenciais. Unha decisión que foi recollida no decreto aprobado polo posterior Consello de Ministros e matizada despois, “abrindo así a man a que se reactive a actividade en sectores ou empresas que non tiñan inicialmente esa consideración de esenciais”.

De feito o Ministerio de Industria publica unha nota interpretativa para o sector industrial, na que máis unha vez se reinterpreta o propio decreto, especificando que quedan exceptuadas do cese de actividade “as persoas traballadoras respecto das actividades de importación e exportación”.

Unha decisión demandada tamén polo propio Feixóo e para Carril “inadmisíbel”, porque non se refire estritamente a actividades industrias relacionadas con bens esenciais: material médico, alimentos…, “colocándose así, no centro, a taxa de ganancia do capital, sen importarlles nin o risco de contaxio, nin a saúde do seu persoal”.

Desviación do destino da cotización por formación profesional e dos planos de  pensións

Para a central sindical tamén é “grave e inxusta” a decisión de desviar os fondos destinados a formación profesional ou a dispoñibilidade dos plans de pensións en caso de desemprego ou cese de actividade a financiar prestacións ou subsidios. Deste xeito, o goberno pretende que as traballadoras e traballadores compensen cos seus propios cartos a diminución de ingresos provocada polo desemprego ou polo cese de actividade, como consecuencia da crise sanitaria da Covid-19.

“É unha aberración”, di Carril, quen explica que “do que se trata é de que fagas uso deses cartos, se estás nesas circunstancias, para pagarte a ti mesmo”. Unha alternativa que o goberno pon enriba da mesa “fuxindo outra vez de buscar o financiamento por outras vías.

Neste sentido, o secretario xeral denuncia que “en vez de conseguir financiamento público,  pola vía de modificar a carga fiscal cara as grandes empresas, as grandes fortunas, ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas (banca, eléctricas, etc...), para financiar as medidas extraordinarias de acordo cos principios de igualdade e progresividade, opta por tomar unha dirección neoliberal e dereitosa, cargando sobre a clase traballadora o seu impacto”, porque será quen pague, coas súas propias cotizacións estes conceptos.

Relaxación da cláusula de conservación do emprego

A CIG tampouco pode compartir a relaxación do compromiso de manter o emprego durante o prazo de seis meses desde que se retome a actividade, en sectores ou actividades con alta variabilidade ou estacionalidade no emprego. Neste sentido Carril denuncia que, de feito, no decreto contémplase que “no caso dos contratos temporais, o compromiso de mantemento do emprego non se entenderá incumprido cando o contrato se extinga por finalización do termo pactado ou realización da obra ou servizo que integra o seu obxecto, ou cando non poida realizarse de forma inmediata a actividade contratada”.

Unha “relaxación” que para o secretario xeral da CIG é “un escándalo” e que se vén sumar ás escasas medidas para garantir o emprego ou para prohibir os despedimentos, como se constata de forma clara nos últimos datos de paro. Datos que, por outra banda, veñen constatar a ineficacia das medidas aplicadas e que poñen en cuestión a quen aplaudiu, como fixo a Xunta de Galiza, o acordo promovido por CCOO e UGT de apostar polos ERTEs como gran solución á grave situación que no plano laboral se nos viña enriba.

A Xunta de Galiza e o Goberno de Feixóo, a peor actuación ante a crise sanitaria

O secretario xeral da CIG apunta as súas críticas tamén ao goberno galego, que considera que carece de lexitimidade para criticar a situación actual, tendo en conta a súa “conformidade coa suspensión do autogoberno decretada polo goberno español, no canto de exixir exercer as súas competencias”.

Carril lembra ademais que a Xunta de Galiza é responsable da dramática situación, canto a falta de persoal e de medios, na sanidade pública e nas residencias de maiores. Non só porque foi quen, durante todos estes anos, recortou as partidas orzamentarias destinadas a estes servizos públicos esenciais e derivou cartos á privada, senón tamén porque é incapaz agora de dotar a estes servizos e o seu persoal das medidas de seguridade e dos medios necesarios para frear a pandemia.

Un goberno da Xunta, con Feixóo á fronte, que toma tamén decisións erráticas decretando un día o estado de emerxencia sanitaria e asegurando que asume o mando sobre a sanidade privada e anunciando outro que instalará hospitais de campaña en varias das cidades galegas, mentres esa sanidade privada, que leva anos financiando, segue infrautilizada.

O mesmo goberno da Xunta responsable de favorecer a apertura das grandes áreas comerciais que hoxe laminan o comercio galego e que teñen o seu persoal traballando sen protocolos claros de actuación en caso de contaxio por coronavirus e sen que se realicen os controis necesarios para evitalo, mentres amasan inxentes beneficios.

Cazolada para #QueEscoiten

Por iso Paulo Carril conclúe que, “ante tanta incompetencia e tanta inxustiza necesitamos autogoberno, capacidade de decidir e uns gobernos que estea a altura das circunstancias” e chama a participar na cazolada que a CIG ten convocada para o vindeiro día 10 de abril, ás 12:00 horas, baixo a consigna #QueEscoiten. Unha acción de protesta coa que se queren demandar medidas de protección social sen discriminación entre colectivos, garantías de que as familias teñen ingresos suficientes e que se cobran en tempo as prestacións, así como reforzar as medidas de prevención para garantir a saúde das traballadores e traballadores dos sectores que continúan a súa actividade.

Volver