A CIG denuncia deficiencias no Rexistro Civil de Ourense que afectan o servizo e a organización do traballo

A federación de Administración reclama da Dirección Xeral de Xustiza que repare ou substitúa a máquina expendedora de quendas que leva un ano avariada
Ourense - 10 Abr 2024

A CIG-Administración de Ourense vén de remitirlle un escrito á Dirección Xeral de Xustiza para reclamarlle que substitúa a máquina expendedora de quendas da oficina do Rexistro Civil, que leva un ano avariada, o que está a provocar problemas na organización do traballo e conflitos entre as persoas usuarias do servizo.

Dende a central sindical lembran que a máquina expendedora de quendas ten como finalidade axilizar e organizar a atención ao público, “pero dende hai un ano atópase fóra de servizo, o que está a provocar conflitos entre as persoas usuarias do Rexistro ao ter que facer longas colas para seren atendidas sen que se garden correctamente as quendas”.

Por iso consideran que a reparación ou substitución da máquina resulta imprescindíbel para poder ofrecer un servizo de maior calidade e garantir unha mellor distribución do traballo entre as distintas seccións do Rexistro, “xa que suficiente atraso teñen ca coa lentitude do programa DICIREG”.

En consecuencia, reclámanlle á Dirección Xeral de Xustiza que “coa maior celeridade posíbel arranxe a máquina de xestión de quendas ou a substitúa por outra máis moderna para evitar aglomeracións e disputas entre as persoas usuarias que se achegan diariamente a oficina do Rexistro Civil”.