A CIG denuncia descontrol e falta de seguridade nos caladoiros do Sáhara e de Mauritania
A FGAMT-CIG vén de denunciar publicamente que o descontrol e a falta de seguridade nos caladoiros pesqueiros do Sáhara e de Mauritania (banco canario-sahariano) están detrás do incremento de incidentes entre pequenas embarcacións e grandes buques factoría. O pasado venres, sen ir máis lonxe, producíase o afundimento do Tafra 3 (de pouco máis de 30 metros de eslora e con dous mariñeiros galegos a bordo) tras ser alcanzado por un buque factoría de máis de 100 metros.
“O que aconteceu non é casualidade nin algo illado, xa que nos últimos tempos este tipo de sucesos son cada vez máis habituais; de feito, o propio día do sinistro outros barcos que estaban pola zona estiveron tamén a piques de ser colididos”, tal e como explica Xavier Aboi. Detrás disto, a decisión de Mauritania e Marrocos de vender licenzas privadas de explotación a países como China, Rusia, Gambia, Turquía ou Arxelia unha vez que a flota galega foi expulsada destes caladoiros.
“A Unión Europea (UE) permite que estes buques factoría arrasen con todo, mentres catro barcos cefalopodeiros galegos quedaron fóra do acordo pesqueiro porque seica os caladoiros estaban moi mal”. A propia embarcación que sufriu o accidente o pasado venres faenaba nesta zona baixo o nome de Playa de Loureiro cando pertencía a unha empresa histórica da localidade morracense de Bueu que en 2021 optou por exportalo a unha compañía mauritana ou carecer de licencia de pesca.
“Agora traballan sen ningún tipo de control, seguridade nin formación porque a Marrocos e a Mauritania dálles igual o que fan as empresas ás que lles venden as licenzas, e cada vez se producen máis problemas entre barcos grandes e pequenos”. Neste caso o barco de menor tamaño foi alcanzado por outro que navegaba a toda máquina mentres se atopaba en situación de arrastre, polo que viaxaba a unha velocidade moi baixa sen e capacidade de reacción. “Non é a primeira vez que barcos galegos son afundidos por buques mercantes, con triste recordo para a comarca do Morrazo pola perda mesmo de vidas humanas”.
Finalmente, Aboi sinala que o que está a acontecer é responsabilidade última dos distintos Gobernos españois e da UE, “que nunca defenderon a nosa flota nin lles importou que os caladoiros fosen ocupados por flotas de distintos países sen ningún tipo de control”.