A CIG denuncia impagos en Abante BPO Lugo e amosa a súa preocupación polo futuro do emprego e da actividade

A empresa, que non facilita información, pasou de ter case 400 traballadoras/as a ter só 100
Lugo - 17 Xan 2022

A CIG manifesta a preocupación pola deriva á que a empresa Abante BPO Lugo está sometida  nos últimos tempos. Esta empresa, que durante lustros foi referente do sector dos centros de chamadas na cidade, primeiro como Sykes e despois como Abante BPO, atópase actualmente nunha situación de ruinosa  xestión cuxos últimos episodios son o impago da nómina extraordinaria do mes de decembro e a situación de baleiro de poder na mesma.

Pero, agora, a empresa adebeda a nómina da paga extra do mes de decembro aos traballadores/as que non cobran as pagas prorrateadas, e a maiores non ofrece ningunha explicación formal do motivo do impago.

Nestes momentos, advirte Neto, "a compañía atópase nunha situación de administración opaca, pois esta non responde ás cuestións trasladadas pola representación do persoal, e existe un baleiro de poder no día a día absoluto, posto que nin desde o departamento de recursos humanos, nin o director do centro son capaces de dar explicacións do que está a acontecer".

A situación é altamente preocupante, posto que se ben a empresa xa viviu desde a primavera do ano pasado un proceso de reconversión, coa decisión de desprenderse das dúas campañas máis importantes: Orange e 1&1. Esta decisión supuxo unha importantísima diminución de persoal, pasando de ter arredor de 400 traballadores e traballadoras a contar escasamente con 100.

Proceso de descapitalización encuberto

Para Neto, resulta evidente que se tratou dun proceso de descapitalización encuberto da empresa, "que foi executado baixo a dirección de Eduardo Álvarez Núñez, anterior dono da mesma, e que é o dono de HUARIS CC", outro importante grupo do sector con base en Bembibre.

Na actualidade, a empresa "está a desenvolver unha administración e xestión con total nocturnidade e aleivosía, sen ningún tipo de información ao comité, e xerando premeditadamente unha situación de intranquilidade e ansiedade entre o cadro de persoal que resulta absolutamente covarde, miserábel e inadmisíbel".