A CIG-Saúde Compostela vén de poñer denuncia na Inspección de Traballo ante a inoperancia da Xerencia para aplicar as medidas correctoras que garantan a seguridade e a saúde laboral no Laboratorio central de análise clínica do Hospital Clínico.
Explican que no último trimestre do ano 2025 comezaron as obras de ampliación do laboratorio para a instalación dunha nova cadea para análise de mostras. A falta de coordinación de actividades empresarias fixo que a Unidade de Prevención de Riscos Laborais non se integrara dende o primeiro momento, deseñándose postos de traballo que non cumpren cos mínimos recomendados a nivel de ergonomía e seguridade no laboratorio.
Cómpre salientar que a pesar de que se produciron varias reunións da Comisión de Centro e do Comité de Seguridade e Saúde nas que a CIG-Saúde reiterou a problemática existente, a Xerencia non tivo en conta as medidas correctoras propostas pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais “perpetuando as persoas traballadoras en situacións de risco para a súa saúde”.
Para CIG resulta intolerábel que case un ano despois sigan existindo postos de traballo en zonas de paso e de evacuación, con espazo insuficiente para desenvolver o seu traballo, falta de espazo para contedores de residuos, ausencia de confort térmico, acústico ou lavaollos e zonas de duchas de emerxencias inoperativas.
A CIG-Saúde manifesta tamén a falta de participación das persoas traballadoras no plan funcional, salientando que “se está a producir un cambio organizativo importante e as traballadoras son quen mellor coñecen o servizo pero non se escoita a súa voz. Carecendo da falta de definición de postos de traballo, protocolos e formación específica”.
Tamén son coñecidos os problemas derivados tras a nova implantación da cadea de análise, con colapsos recorrentes de mostras, debido entre outras causas ao gran volume de mostras que vai a cadea, que están a provocan demoras nos resultados. “Ditas causas non están a ser analizadas coa necesidade requirida”, asevera a CIG-Saúde de Compostela.
Por iso, avanzan que “seguiremos tomando as medidas pertinentes para que a Xerencia cumpra coa súa responsabilidade, as persoas usuarias non se vexan prexudicadas e se protexa a seguridade e saúde das persoas traballadoras”.