A CIG denuncia na Inspección de Traballo o risco para o persoal de Correos que supón o deterioro dos vehículos

Advirte do mal estado da flota como consecuencia dun servizo de reparación e mantemento deficiente ou inexistente
Nacional - 10 Xul 2026

A CIG-Correos vén de rexistrar unha denuncia formal ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social contra a xestión da empresa postal pública pola situación de “extrema gravidade” na que se atopa a flota de vehículos, froito do seu deterioro progresivo e dun servizo de reparación e mantemento deficiente ou inexistente.

Dende a central sindical sinalan que esta desatención supón unha vulneración directa da normativa de prevención de riscos laborais, xa que se está a permitir que o persoal desenvolva o seu traballo diario con medios de transporte que non reúnen as condicións mínimas de seguridade. 

Critica a “total despreocupación” de Correos pola seguridade do seu persoal, “constatando que non existiu a máis mínima vontade por parte da empresa de darlle unha solución aos requirimentos presentados

Entre as deficiencias máis graves e reiteradas, a central salienta os pneumáticos excesivamente gastados, que reducen o agarre e aumentan o risco de accidente, especialmente en condicións meteorolóxicas adversas; as avarías mecánicas sen solucionar e roturas en elementos de visibilidade (como pantallas ou espellos retrovisores en mal estado); e a falta de revisións periódicas obrigatorias que garantan o correcto funcionamento dos sistemas de freado e iluminación.

Inacción empresarial

A CIG subliña que esta situación non é nova, xa que o sindicato puxo en coñecemento da dirección de Correos esta problemática hai máis dun mes. Porén, a central sindical critica a “total despreocupación” de Correos pola seguridade do seu persoal, “constatando que non existiu a máis mínima vontade por parte da empresa de darlle unha solución aos requirimentos presentados”.

Ao mesmo tempo, alerta de que esta falta de investimentos e a inacción á hora de reparar ou substituír os vehículos avariados non só compromete a seguridade viaria do persoal de reparto, senón que tamén sobrecarga as persoas traballadoras, “converténdose nun perigo engadido nun sector no que a sinistralidade ao volante é un factor de risco de primeira orde”.

Ante este escenario, o sindicato esixe a intervención urxente da autoridade para que obrigue a dirección de Correos a paralizar o uso de todos aqueles vehículos que non cumpran cos estándares de seguridade e a establecer un plan de mantemento “integral e inmediato”.